Aproba a Deputación coruñesa os seus novos pregos de contratación

Diputación A Coruña
María Arias
O deputado de Contratación Xosé Luis Penas no seu despacho. Foto: ECG

Os novos pregos de contratación da Deputación da Coruña teñen como obxectivo dinamizar a economía, promover a creación de emprego, de xeito especial para os máis desfavorecidos, primar a calidade das obras sobre o prezo e fortalecer o sector, salienta o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, quen calificou os cambios de vitais para a recuperación económica despois da pandemia e supoñen un modelo de renovación da contratación por parte das institucións.

Despois de meses de intenso traballo e diálogo cos axentes implicados e cos grupos políticos representados na Corporación, o pleno da Deputación da Coruña deu este venres luz verde, con apoio unánime de todos os grupos políticos, a unha modificación histórica dos pregos de contratación. “Son máis dinámicos, onde se poñen en valor cuestións que non só falan de prezos ou de economía de consumo interno, falan de economía externa, á que debemos contribuír a axilizar e priorizar”, explicou no pleno Penas.

UN PROCESO MÁIS ÁXIL. En concreto, as modificacións suporán importantes beneficios para as empresas adxudicatarias, que verán axilizado o proceso de contratación cunha redución da documentación necesaria. Ademais, cámbiase a fórmula de cálculo para baixas temerarias co fin de buscar maior xustiza na asignación das licitacións e tendo como referente o orzamento medio dos proxectos presentados e elimínanse as garantías financieiras que obrigaban ás empresas a ter depósitos de seguridade en entidades financieiras, o que reverterá na mellora das contas do sector.

“As garantías só favorecían as entidades financeiras que despois nos cobran por eses mesmos aforros. Queremos que os cartos estean nas empresas e nas persoas que traballan nelas co obxectivo de promover a economía circular”, apuntou Penas no pleno. Tamén se elimina a puntuación por rematar antes do prazo fixado o que supuñía premiar a aceleración do proceso de desenvolvemento dos proxectos.

En canto ás cuestións técnicas dos novos contratos, a partir de agora, estableceranse os elementos que non poden ser subcontratados e o mínimo persoal de obra, e inclúense tamén novidades que melloran o coidado e a conservación medioambiental. Se algo destacou o deputado de Contratación e Patrimonio no pleno é o carácter social das modificacións, que fan que estes novos pregos podan converterse en modelo para outras institucións.

“A nosa responsabilidade é axilizar a contratación, reducir os prazos, aumentar a execución e poñer a economía ao servizo da sociedade”, insistiu Penas ante o resto dos deputados, ao tempo que concretou ese obxectivo na mellora da estabilidade do emprego, a promoción da contratación de mulleres ou o a realización de plans de formación para a contratación de sectores máis desfavorecidos, en especial á mocidade, maiores de 55 anos e persoas que estean a percibir a Renta Mínima Vital. Os pregos establecen tamén indicacións para potenciar medidas de conciliación familiar.

O deputado finalizou a súa intervención agradecendo aos colectivos e persoas que colaboraron desde asociacións, empresas, sindicatos, profesionais doutras institucións e administracións e, en definitiva, a todos e todas os que participaron na elaboración dos novos pregos.