As pequenas explotacións do sector lácteo galego, as máis castigadas pola crise

Os produtores semellan atoparse nunha tímida recuperación logo dunha fonda caída propiciada polo incremento do custe do combustible // En liña co resto do país, o prezo do leite aumentou na comunidade un 55% no último ano
N. Vázquez

O prezo pagado aos produtores de leite galegos aumentou cas e un 55% no último ano, tal e como salientou o mes pasado o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Este sector, tan presente na nosa comunidade e castigado ao longo dos últimos anos, viviu en 2021 unha das épocas máis difíciles da súa historia recente. A suba dos prezos dos combustibles, da luz, dos pensos e practicamente calquera outro ámbito obrigou a sacrificar preto de 6.000 vacas antes de tempo, e no último ano Galicia perdeu un 0,4% do seu censo deste animal. Polo tanto, o incremento no prezo do litro de leite, de 17,4 céntimos desde decembro, semella ser un pulo máis que necesario aos produtores galegos, que cada día que pasa loitan conta a desaparición das pequenas explotacións.

“É certo que o prezo de leite subiu, sobre todo se falamos de valores medios ou dos prezos máis altos, das explotacións que máis están cobrando”, explica Óscar Pose, de Unión Leiteira Galega (Ulega) , “sen dúbida son bos prezos. Pero tamén hai que ter en conta o retraso que se produciu, sobre todo en Galicia pero tamén no resto de España, en implementar esta subida”.

“Os custes de produción non son só derivados da guerra en Ucraína”, manifesta, indicando que xa se disparan antes do inicio do conflito. “Xa desde principios do ano 2021 houbo incrementos moi importantes nos custes de produción, fundamentalmente na alimentación, pero tamén na electricidade e no combustible”, entre outros.

“Evidentemente”, continúa, “coa chegada da guerra disparáronse aínda máis e mantivéronse no tempo”, pero pon de manifesto que non foi unha consecuencia do conflito e que xa antes “fixemos manifestacións en determinadas industrias en outubro e novembro do ano 2021 porque esa suba dos custes non viña repercutida no incremento de prezos”.

Unha cuestión que, segundo explica, si que aconteceu noutros países “desde hai moitos anos”, polo que si ben é certo que subiron os prezos, “estamos pagando o que producimos por debaixo de custes meses atrás”, unha situación que só se viu freada a partir de mediados do ano 2022. “Isto sírvenos, de momento, para pagar eses meses”, asegura Pose. “En moitos casos houbo que facer sacrificio de animais, noutros casos foi preciso tirar de préstamos... é unha situación complicada”, admite.

Polo tanto, se ben houbo unha melloría con respecto aos meses anteriores, as explotacións medianas e sobre todo as pequenas “estamos nunha situación moi crítica”, indica. “O propio Observatorio da Xunta expón que o estrato máis baixo está en 44 céntimos, o seguinte a 48”, e sendo o custe de produción individual a cada explotacións este é moi elevado, polo que, asegura, “producir por debaixo dos 50 céntimos cos custes que hai agora non se pode considerar rentable”.

Así, conclúe que tampouco se pode celebrar a situación, “sobre todo porque tampouco sabemos se é unha situación estable”. Explica Óscar Pose que “a realidade” é que os produtores continúan vivindo a expensas do que diga a industria, posto que “seguimos sen ter capacidade de negociación”.

“Os prezos subiron agora porque hai falta de leite por unha caída da produción que fai que non chegue para satisfacer o consumo que hai en España”, explica. Todo isto nun contexto no que “non se pode traer leite de fóra porque é máis caro que nunca porque os prezos noutros países están a 60 ou 69 céntimos o litro”.

Tal e como indica Pose, o motivo polo que subiron os prezos pagados aos produtores non é outro que a escaseza e a necesidade de asegurar a produción. Con todo, explica, “falta que se incremente máis o prezo nun determinado tamaño de explotación”.

Incremento desigual. Atendendo á evolución do prezo do leite ao longo do2022, en xaneiro pagábase unha media de 35,94 céntimos por litro aos productores galegos, unha cifra que foi aumentando progresivamente cada mes,ata acadar os 53,09 céntimos por litro que comentaba Balseiro. Con todo, esta evolución foi desigual dependendo do tramo ao que pertence cada explotación.

Os 17,06 céntimos que hai entre o prezo pagado en decembro e o de xaneiro é a media entre os prezos dos diferentes estratos, entre os que a diferencia pode chegar a ser de 10 céntimos, nalgúns casos. Así, as que máis marxen de mellora viron foron as grandes productoras (estrato 6, superior a 700.001 kg) que acadaron un aumento no prezo de 18,06 céntimos. Con todo, as máis pequenas (correspondentes ao estrato 1, inferior a 100.00 kg), só viron un aumento no pago de 12,69 céntimos.

“Nunca houbo un diferencial tan grande entre as produción grandes e pequenas”, asegura, “nunca se chegara, coma nalgúns casos, a unha diferencia de 15 céntimos; levabamos moitos anos con diferenciais de 3 ou 4, pero non máis, e son difíciles de asumir”.

Un salto no prezo que non ten xustificación, segundo explica, porque “non é que teñan que ir recoller uns poucos litros a unha zona afastada, senón que moitas destas producións están localizadas en zonas leiteiras, no medio de explotacións máis grandes”.

“Como non existe negociación, a industria o que quixo facer foi garantizar que estas explotacións grandes non se marcharan” debido á tensión producida no mercado pola escaseza de leite. “Primáronse máis estas explotacións grandes porque foron as que tiveron máis oferta doutras industrias” algo que, apunta, nunca pasara ata o de agora. Segundos os últimos datos actualizados do Observatorio do Sector Lácteo, do mes de outubro, o leite das explotacións de maior tamaño págase a 54,69 céntimos o litro, mentres que para o das de menor tamaño o prezo é de 44,17 céntimos por litro. Estes datos en xaneiro eran 36,63 e 31,48 respectivamente, o que implica que en dez meses o diferencial pasou de ser de 5,15 céntimos por litro a 10,52, máis do dobre.

“Estamos falando do estrato 6,que engloba as explotacións de máis de 700 mil quilos, pero hai explotacións de máis de un millón ou millón e medio que xa teñen un prezo maior que este”, indica, que nalgún casos pode ser de 56, 57 “ou incluso 60 céntimos, sobre todo agora en decembro, que vai a haber máis subidas”.

“Niguén nos asegura estabilidade”. “Que a situación é mellor agora que hai uns meses é evidente porque estabamos producindo por deibaxo de custes”, resume Pose, “pero agora quedan pendentes un determinado número de explotacións para as que a subida non foi lineal e que seguen nunha situación complicada”. Pose ten claro que a subida ata o de agora é algo “positivo”, pero que “aínda ten que haber unha recuperación das explotacións para que todos poidan aproveitar unha situación histórica coma esta na que, por primeira vez, hai movemento na industria, buscando produtores e ofertando prezos”.

Polo tanto, logo duns anos especialmente duros nos que os beneficios foron máis ben escasos e non se chegaba a cubrir os custes das explotacións, este sector que tanto peso ten na nosa comunidade está nun máis que necesitado período de recuperación. De seguir así, tal e como explica Pose, poderase acadar unha boa situación con rendementos relativamente bos. Con todo, “ninguén nos garante que isto vaia a durar”, admite.

“O normal sería que tivéramos uns contratos referenciados”, pero é algo que non acontece, “as industrias seguen poñendo os prezos, sen ningún tipo de referencia obxectiva, e estamos ás súas expensas”.

De continuar a situación sendo unha incerteza continua, na que este semella ser o primeiro oasis de calma que viven os gandeiros das pequenas explotacións da nosa comunidade pero que tampouco promete ningunha seguridade, o sector continuará, pouco a pouco, desaparecendo. En palabras de Pose, continuará pasando o que ata o de agora, “peor non é mesmo falar de que pechan 700 explotacións ao ano en España cando había 20 mil que agora, que hai poucas máis de 10 mil”. “É moi preocupante, porque a explotación que desaparece nunca volve a abrir”, conclúe.