A cooperativa pecha o ciclo produtivo desta ave en Galicia cunha innovadora planta en Sobreira coas últimas tecnoloxías, enerxías renovables e o máximo benestar para os animais. TEXTO José Calviño

Cen mil paviños de Coren incubados cada semana

Innovación
José Calviño
O presidente do grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira. Foto: G.C.

Por fin haberá pavos cen por cen galegos. Froito do compromiso do grupo Coren con Galicia, a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira está a por en marcha en Sobreira (Vilamarín) unha nova incubadora de pavos dotada coa última tecnoloxía que lle permitie completar o ciclo de produción desta ave.

Nun comunicado explica que a nova planta está concebida para albergar o nacemento de ata 100.000 paviños á semana e dispón dun sistema individual de monitorización do desenvolvemento embrionario dende o primeiro día de incubación ata o nacemento, sistema tradicional que reproduce as condicións naturais como se incubarían por parte da nai e evitando calquera tipo de estrés, o que garante o mellor entorno de incubación e o máximo benestar dos paviños que alí nacen.

A planta, ubicada nunha parcela de máis de 20.000 metros cadrados, está dotada dos sistemas tecnolóxicos máis avanzados do sector, con equipos de incubación de última xeración procedentes de países do norte de Europa, nos que as esixencias de benestar animal son moi elevadas. O sistema de control dixital permite supervisar todos os nacementos desde calquera ordenador, smartphone ou tablet, ademais de xestionar outros parámetros como a climatización das salas para axustar as condicións de temperatura e humidade ás necesidades de cada área específica. Tamén conta con todos os mecanismos necesarios para garantir a súa total bioseguridade.

Así, esta instalacións está dotada dun sistema de medición automática da temperatura da cáscara do ovo ao longo de todo o proceso de incubación, composto por un conxunto de unidades de escaneo da cáscara do ovo por infravermellos e un control intelixente que contén os algoritmos, tomando mostras de maneira constante e reaccionando para manter a temperatura da cáscara desexada de forma precisa.

Igualmente, atendendo á preocupación de Coren pola sostibilidade e o respecto medioambiental en todas as súas actividades, esta planta equipouse cunha caldeira de biomasa para xerar enerxía térmica e placas solares que garanten o autoconsumo eléctrico. Ademais, as máquinas de acondicionamento do aire contan con sistemas de recuperación de enerxía dos embrións en desenvolvemento aproveitando o calor que desprenden para prequecer o aire exterior frío que entra na planta, reducíndose de forma considerable o consumo enerxético.

Tamén dispón das tecnoloxías máis eficientes de calefacción, ventilación, iluminación e depuración de augas. En concreto, o tratamento de augas realízase mediante un reactor biolóxico, responsable da degradación da materia orgánica, e membranas de ultrafiltración con poros suficientemente finos para reter a totalidade dos sólidos en suspensión. A auga resultante reutilízase en procesos da planta e o rego do terreo. Todo isto convértea en totalmente eficiente e autosostible, pois evita a emisión de 120 toneladas de CO2 ao ano, equivalente a un bosque de 20 hectáreas.

No seu financiamento, Coren contou co apoio da Xunta, a través da Consellería do Medio Rural.

Con esta nova infraestrutura, a cooperativa amplía o ciclo de produción do pavo xa que, ata o de agora, os paviños criados en Galicia procedían de incubadoras de Francia.

Na súa nota de prensa, Coren alega que ten dende os seus inicios “un forte compromiso con Galicia, xerando riqueza nesta terra a través da elaboración de produtos de máxima calidade e orixe 100 %”. Estes valores levan á cooperativa a manter a súa aposta por seguir producindo e medrando en Galicia, fixando poboación rural, coidando as nosas terras, xerando riqueza na comunidade e “dando resposta desde aquí ás necesidades do mercado e dos consumidores de hoxe en día”.