Conde asegura que Galicia ten unha cadidatura sólida a optar ao Perte Aeroespacial

O vicepresidente recibiu ao comisionado, Miguel Belló, no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas
Redacción ECG

Lugo. O vicepresidente primeiro, e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, vén de solicitar o apoio do comisionado para o Perte Aeroespacia, Miguel Belló, para optar aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), para o que presenta unha “candidatura moi sólida” tanto por “experiencia como proxectos”.

Miguel Belló visitou onte as instalación do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei, en Lugo, onde coñeceu as capacidades e equipamentos desta infraestrutura de referencia para o ensaio con vehículos non tripulados, así como as instalacións de Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas.

O comisionado reuniuse ademais con representantes das sete empresas que optan a ser novos socios estratéxicos da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026, así como con pemes, centros tecnolóxicos e de coñecemento do ecosistema aeroespacial galego. Durante o encontro, informan dende a Xunta, “coñeceu o liderado de Galicia no segmento dos sistemas non tripulados e as capacidades para o desenvolvemento de tecnoloxía punteira neste eido” en primeira persoa, da man de Aertec-Tecnobit, Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Sistem e Telespazio

Aposta polo sector. En declaracións aos medios, Conde subliñou que a Xunta leva anos facendo unha decidida aposta por xerar coñecemento e pegada industrial arredor do sector aeroespacial e, en concreto, no eido dos vehículos aéreos non tripulados. Por este motivo, tanto por experiencia como por proxecto, o Polo Aeroespacial de Galicia está “chamado a formar parte do Perte Aeroespacial”, segundo informan dende o Executivo nun comunicado posterior á reunión.

Tal e como explicou o vicepresidente primeiro do Executivo galego, mostra disto é que nos vindeiros días darase a coñecer a adxudicación da licitación de Compra Pública Precomercial coa que a Xunta seleccionará os novos socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026.

I + D de Biodiversidade. No marco desta licitación, a comunidade galega desenvolverá un programa de I+D de monitorización e observación da biodiversidade, no que realizará un investimento público de 21 millóns de euros, procedentes de fondos propios da Xunta e do Plan Complementario de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Galicia é, xunto con Canarias, a comunidade autónoma que recibiu máis financiamento ao obter 23 dos 65,2 millóns de euros do total, isto é, un 35%. A comunidade recibirá 12,34 millóns e achegará outros 10,6 de fondos propios. Andalucía, Asturias, Estremadura e Baleares son as outras catro participantes.

A Xunta tamén conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) para o proxecto de simulación avanzada para a xestión de tráfico aéreo U-Space que están desenvolvendo as empresas Indra e Boeing. . O ministerio adxudicou por 12,75 millóns esta infraestrutura avanzada e pioneira que contribuirá a consolidar Galicia na vangarda, e que se espera que reforce as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.