“É obvia a relación entre a turbinaxe excesiva da auga e o prezo da luz”

Embalses
Ramiro Ponte
ENTREVISTA. José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Foto: Brais Lorenzo

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga (1960), pronúnciase respecto da polémica que rodea aos catro encoros galegos nos que se está a investigar a xestión da auga por parte de grandes empresas eléctricas . Ao cargo do organismo desde o pasado 2018, foi anteriormente director provincial do SEPE/INEM de Lugo entre 2004 e 2011 e concelleiro do Saviñao entre 1995 e 2015.

¿Cal é a situación dos encoros?

A cantidade de auga embalsada a día de hoxe é dun 46,32 % , moi por debaixo da auga acumulada por estas datas o ano pasado, en concreto un 27 % menos a pesares dun ano pluviométrico que podiamos calificar de certa normalidade. Dentro desta situación hai grandes diferencias entre encoros; hai catro das 24 grandes presas de producción hidroeléctrica que rexistran uns niveis preocupantes (datos desta semán) como son as de Cenza cun 17,38 % do seu volumen, Portas cun 15,28%, Salas cun 27,38% e Belesar cun 31,27 %, as dúas primeiras de Iberdrola e as outras dúas de Naturgy.

¿A que lle achaca esta diferencia no volumen encorado?

Dada a situación pluviométrica deste ano é obvio que a causa está nunha turbinaxe excesiva nalgún dos encoros.

As hidroeléctricas están vaciando encoros para facer negocio aproveitando o elevado prezo da luz?

É obvio que hai unha correlación directa entre a excesiva turbinaxe da auga encorada e o prezo da luz. Non é razoable o que están a facer, certas empresas que xestionan os recursos de todos; teñen que ser responsables social e medioambientalmente co territorio, coas persoas e coa ecoloxía, máis alá do criterio estrictamente económico. En verbas do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, “superouse o que o sentido común recomenda no uso dun recurso público tan sensible como a auga”.

Actúan con legalidade?

Ata o día de hoxe están a cumplir coas normas de explotación contempladas nas concesións que veñen da etapa franquista (anos 50 e 60 do século pasado), foron concedidas por 99 anos sin criterios ecolóxicos ou de compensación para o territorio afectado e que entre outras cousas lles permite baixar ata o 10 % da súa capacidade. A día de hoxe hai abertos expedientes informativos sobre os catro encoros citados.

Significa que van tomar medidas?

Esto significa que sobre eses encoros hai un control exhaustivo de toma de datos varias veces ao día e se vulneran as normas de explotación daría pé á apertura dun expediente sancionador.

Hai que recuperar as concesións?

Se o Estado quixese recuperar as concesións teriamos que afrontar unas indemnizacións astronómicas, ese é un dos problemas de cara a unha hipotética recuperación, non é unha cuestión de querer ou non querer, estamos nun Estado con seguridade xurídica e unha actuación dese tipo pasa principalmente pola dispoñibilidade económica como primeiro paso, pero non o único. O da auga é un asunto de gran calado no que desde o Ministerio están traballando na dirección de que as empresas non poidan utilizar o recurso auga á conveniencia só do interés económico. Desde logo que certas propostas e repostas fáciles a problemas complexos como unha suposta nacionalización quedan moi ben na rúa, pero na realidade teñen derivas que poden transformar o positivo en negativo.

Non se pode facer nada?

Precisamente estamos nun momento adecuado para actuar sobre o problema xa que os novos Plans Hidrolóxicos de cunca aprobáronse no Consello de Ministros de xuño e atópanse en fase de consulta pública ata o 31 de decembro, polo que é o momento de presentar alegacións por parte de colectivos, entes e institucións sobre a gobernanza da auga.

É o momento de incorporar novas garantías e límites ecolóxicos sobre caudais mínimos a tódalas masas de auga para atender á realidade do cambio climático e posibles escenarios de reducción dunha dispoñibilidade hídrica en España que a medio prazo pode situarse en torno ao 15 por cento; esto vainos poñer nun escenario distinto ao que hai que ser sensibles e actuar. Hai que engadir que en liña coas directrices do Ministerio de Transición Ecolóxica “ As concesións hidroeléctricas tamén teñen que adaptarse á realidade de cambio climático e non poden seguir amparándose en dereitos concesionais emitidos no século pasado”.