Emigración ofrece 500 bolsas a universitarios galegos do exterior

Van dirixidas a alumnos con currículos excelentes // O departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina preto de 1,3 millóns de euros cada ano para financiar mestrados
Felisa Castro
USC. Un grupo de estudiantes de la Universidade de Santiago, en su campus compostelano, acuden a su facultad. Foto: Antonio Hernández

Este novo curso universitario optaron a desenvolver a súa formación nas tres universidades públicas galegas un total de 150 mozos que residían no estranxeiro e que optaron por ampliar ou completar estudos nesta comunidade autónoma, segundo manifestacións do secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda.

En total, dende a posta en marcha desta iniciativa xa se pudieron beneficiar 500 alumnos de diferentes países, non só dos tradicionais de América do Sur, senón doutros coma México, Países Baixos, Reino Unido, Italia, Canadá, Rusia, Alemaña ou Portugal.

Este é o cuarto ano que o departamento da Xunta destinou Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (denominadas BEME), coas que o Goberno galego posibilita que outros 150 titulados universitarios galegos que posúan un currículo brillante poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas. Un dos requisitos é que sexan residentes no estranxeiro e teñan unha titulación de grao, licenciatura, enxeñería ou arquitectura.

O obxectivo das becas é atraer aos galegos que viven fóra e que desexan completar aquí a súa formación especializada, de xeito que poidan traballar en Galicia e fixar definitivamente aquí a súa residencia.

A iniciativa pretende non só captar para a comunidade autónoma o talento máis brillante de entre as mozas e mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo, contribuíndo a fixar novos residentes no territorio.

A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Os beneficiarios son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditando un mínimo de dous anos de residencia no exterior e, a maiores, estar admitido na preinscripción dalgún dos mestrados das universidades galegas.

Os estudantes que obtiveron esta beca en 2020 contan con unha axuda económica de entre 7.000 e 7.650 euros, dependendo de se proceden de Europa ou do resto do mundo, por curso completo de 60 créditos ECTS (Sistema Europeo de Transferencia de Créditos polas súas siglas en inglés), que deben ser destinados a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención durante o curso.

Aqueles que se matricularon en 90 créditos dispoñen dun presuposto total de ata 11.475 euros, en función do continente de procedencia do alumno.

Na primeira convocatoria deste programa, en 2017, foron 184 as solicitudes presentadas, superando neste 2020 as 500, aínda que algunhas delas non puideron completar a súa tramitación a raíz das dificultades provocadas pola actual pandemia do covid-19.

CUARTA CONVOCATORIA Nesta cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) incorpóranse dous países de orixe aos 25 que foron integrando a lista de beneficiados das tres edicións anteriores.

Así, un bolseiro residente ata o de agora en Rusia e outro que vivía nos Países Baixos engádense á relación, na que destacan Venezuela, Arxentina, Brasil e Uruguai, entre outros, dos que viñeron un mayor número de mozos desde a creación desta iniciativa, por parte do Goberno galego, no ano 2017.

Dos bolseiros da convocatoria do curso académico 2020-2021, 23 naceron en Galicia e volven agora á comunidade a seguir os seus estudos universitarios, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios do programa. Neste grupo están precisamente os dos bolseiros procedentes de Rusia e Países Baixos.

OUTRAS ORIXES Do resto de beneficiarias e beneficiarios,

pola súa parte, 54 residen na Arxentina, 20 en Venezuela,

16 en México, 13 no Uruguai, 12 en Brasil, 10 no Reino Unido, 6 en Cuba, 3 en Chile e outros 3 en Alemaña, 2 en Portugal, 2 en Italia, e 1 en Canadá, Ecuador, Francia, Países Baixos, Rusia e Suíza, respectivamente. 59 cursarán o seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 57 na Universidade de Vigo (UVigo) e 31 na Universidade da Coruña (UDC).

No que atinxe á idade media das e dos bolseiros desta cuarta convocatoria das Becas Excelencia Mocidade Exterior, sitúase en 29 anos, aínda que o grupo máis numeroso deste programa financiado pola Secretaría Xeral da Emigración é o que vai entre os 22 e os 30 anos de idade.

Ademais, as mulleres volven concentrar o 56 por cento das bolsas, mantendo un ano máis a tendencia iniciada xa no primeiro curso, o de 2017-2018.

Este programa, incluído dentro da Estratexia Galicia Retorna, posta en marcha polo departamento da Xunta que encabeza Antonio Rodríguez Miranda, persegue incentivar a volta dos cidadáns e cidadás galegos do exterior, non só das persoas emigradas, senón tamén dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de ensino secundario da comunidade autónoma, así como no sistema universitario de Galicia.