Falece Joaquín Álvarez Corbacho, profesor da universidade galega e primeiro alcalde do Grove da democracia

Catedrático de Economía Aplicada e Facenda Pública, foi vicerreitor de asuntos económicos da USC e conselleiro do Consello de Contas
Obituario
Redacción ECG
Joaquín Álvarez Corbacho nunha imaxe de arquivo

Este mércores faleceu na localidade pontevedresa do Grove, onde naceu, o profesor Joaquín Álvarez Corbacho aos 79 anos de idade. Recoñecido experto en municipalismo, era doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e catedrático de Facenda Pública da USC. Precisamente na universidade compostelá exerceu como vicerreitor de Asuntos Económicos na época do reitor Carlos Pajares, entre 1985 e 1990. Tamén foi catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e conselleiro do Consello de Contas de Galicia. Moi implicado na política municipal, Álvarez Corbacho foi o primeiro alcalde do Grove da democracia, de 1979 a 1981. Cursou estudos nas Universidades de York e Leicester e, no ámbito académico, no que gozaba dun gran prestixio, realizou numerosas investigacións centradas na teoría do federalismo fiscal, as facendas territoriais, a economía da educación e os efectos económicos das infraestruturas do transporte. Neste enlace se reproduce unha entrevista realizada no ano 2010 na que expresa as súas opinións sobre a estrutura municipal galega, indicando que non debería haber concellos de menos de 10.000 habitantes.