Feijóo: “Traballar no mar é sempre unha heroicidade”

Naufraxio
Redacción ECG
O presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, á súa chegada á sede do PP na rúa Génova para asistir á reunión do Comité Executivo Nacional do Partido Popular, a 15 de febrero de 2022, en Madrid (España). // Alberto Ortega / Europa Press 15/02/2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse en Madrid á “tráxica noticia” do naufraxio do pesqueiro galego ‘Villa de Pitanxo’ en augas NAFO, a unhas 250 millas de Terranova. Feijóo informou do número de corpos sen vida recuperados ata ese momento, sete, e puntualizou que tres tripulantes foron rescatados a salvo, aínda que se manifestou prudente en relación á evolución porque a temperatura das augas é moi baixa: “a ver como evolucionan as situacións de hipotermia, aínda que de momento hai esperanzas”. O resto están desaparecidos. O embaixador en Canadá confirmoulle ao presidente que hai medios aéreos nas tarefas de busca e que un barco saíu de Terranova para intentar mellorar as posibilidades de rescate.

As tres persoas rescatadas con vida foron atopadas por outro buque que faenaba nas proximidades do lugar do naufraxio, e os cadáveres tamén foron localizados por barcos que estaban na zona, entre eles dous galegos. Agradeceu a información do embaixador de España en Canadá, do cónsul español en Montreal e do cónsul honorario en Terranova. Tamén se puxo en contacto coa ministra e a Dirección Xeral de Salvamento Marítimo. Na Consellería do Mar están traballando nisto, dixo antes de avanzar que “en canto poida collerei o primeiro avión para volver a Santiago”. A Feijóo transmitíronlle que había moito mar e que a temperatura da auga é tan baixa que fai moi difícil sobrevivir. “A traxedia está confirmada. Queda por concretar o alcance a a valoración da mesma. Laméntoo profundamente”, laiouse. Unha traxedia humana e familiar. “Traballar no mar é sempre unha heroicidade”, rematou o presidente.