Galicia recibirá máis de 366 millóns do novo Fondo Europeo de Pesca
Santiago. Galicia recibirá máis de 366 millóns de euros dos ao redor de 735 millóns que se reparten entre comunidades -excluída Canarias, que conta cun plan de compensación específico- do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura ( Fempa) para o período 2021-2027.
Diso informou onte a conselleira do Mar, Rosa Quintana, despois de participar na Conferencia Sectorial de Pesca na que se aprobaron os criterios de repartición do novo período deste fondo, que asigna a España un total de 1.120 millóns de euros -un 3,6 por cento menos que os 1.161 millóns de euros da actual FEMP-, dos que a Administración Xeral do Estado se reserva algo máis de 233 millóns de euros.
A Xunta subliña que a contía aprobada para Galicia “supón practicamente a estabilidade” dos fondos -cun descenso do 1,3 % - ao pasar dos 371 millóns de euros do fondo actual aos máis de 366 deste ano.
Nesta liña, a conselleira valorou que “é o que lle corresponde” a Galicia “polo peso que ten no territorio nacional”. Así, apelou a “utilizar ben estes fondos”, “que parece ser que dan maior flexibilidade e maior posibilidade para a distribución entre as diferentes liñas”.
A titular do Mar trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación varias propostas para optimizar o uso do futuro fondo. Unha delas está a posibilidade de establecer paradas temporais en todas as comunidades, estendéndoas para que se desenvolvan en augas do Cantábrico-Noroeste, fronte á proposta inicial que limita a súa aprobación a augas do Mediterráneo e o golfo de Cádiz.
E por outra banda, tamén requeriu unha repartición de fondos para investigación en pé de igualdade entre comunidades para que exista esa dispoñibilidade nas entidades galegas para a elaboración de informes sobre o estado dos caladoiros. Esta medida suporía incluír a máis organismos investigadores no Programa Nacional de Datos Básicos. Redacción