Inicia a quinta quenda para a matrícula nas universidades

O alumnado poderá formalizar a súa inscrición entre hoxe e mañá na plataforma NERTA
E. Nieto
Matrícula. Colexio Maior no Campus Vida da Universidade de Santiago . Foto: Santi Alvite

O período de matriculación no Sistema Universitario de Galicia está chegando á recta final. A Comisión Interuniversitaria de Galicia publicou onte, 9 de agosto, a listaxe coa relación das persoas admitidas nas carreiras da súa elección, que xa poden formalizar a súa matricula

Entramos deste xeito na quinta e penúltima quenda de matriculación, que está a levar a cabo entre hoxe, día 10 de agosto dende as 00:01 horas, ata mañá, xoves 11 ás 23:59 horas. O proceso de inscrición nas universidades galegas rematará a comezos do vindeiro mes de setembro.

Fai unha semana, logo da publicación da cuarta listaxe de persoas admitidas evidenciábase que un 61,2% das carreiras xa cubriran a totalidade das súas prazas, un total de 112 das 183 titulacións ofertadas. Nesta quenda de matriculación ese número reduciuse considerablemente, pasando de haber vacantes en 71 carreiras a un total de 47.

Na Universidade de Vigo (UVigo), pecháronse no quinto chamamento 11 titulacións; na Universidade de Santiago de Compostela, cinco; e na Universidade da Coruña foron oito.

Carreiras con vacantes. No campus de Ourense da UVigo continuan tendo prazas libres un total de cinco carreiras: Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias Ambientais; o Grao en Enxeñaría Agraria, o Grao en Turismo e a Programación Conxunta de Ensinanzas Oficiais de Turismo e Xeografía e Historia. Pola súa banda, no campus de Pontevedra, siguen admitindo alumnado os graos de Dirección e Xestión Pública tanto na súa edición Presencial coma na virtual, e o de Enxeñaría Forestal.

Finalmente, no campus da propia cidade olívica son once as carreiras que aínda dispoñen de vacantes: o Grao en Comercio, Economía, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría de Tecnoloxías e Telecomunicación (tamén o seu equivalente en Inglés), Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais en Inglés, o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, Filoloxía aplicada en galego e español e, por último Traducción e Interpretación tanto de Español-Francés coma de Galego-Inglés.

Nos campus de Santiago da USC quedan prazas no Grao en Ciencia Política e da Administración, en Filoloxía Clásica, en Lingua e Literatuas Modernas e Lingua e Literatura Galega, en Xeografía e Ordenación do Territorio e en Xestión de Empresas Hostaleiras. No campus de Lugo, aínda non cubriron toda a súa oferta de prazas as Enxeñarías Civil, Forestal e do Medio Rural e a de Procesos Químicos Industriais; así coma os graos en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Paisaxe e en Xestión Cultural.

Por último, na UDC quedan vacantes nos Graos en Enxeñaría de Obras Públicas, en Máquinas Navais, en Galego Portugues, en Inglés, en Relacións Laborais e Recursos Humanos, en Socioloxía, en Tecnoloxías da Enxeñaría Civil, en Turismo impartido online e na simultaneidade dos graos de Inglés e Galego e Portugués, que se cursan no campus da Coruña. No campus de Ferrol hai vacantes nas carreiras en enxeñaría eléctrica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, en Podoloxía, en Relacións Laborais e Recursos Humanos e no de Xestión Dixital de Información e Documentación.

Proceso de matrícula. A plataforma NERTA está posta a disposición do futuro alumnado para formalizar a inscrición nalgunha das carreiras ofertadas, e só se poderás matricular as persoas cunha nota igual ou superior á da última persoa convocada. No caso de que a persoa solicitante quere continuar no proceso e agardar á proxima convocatoria, tamén deberá empregar esta plataforma para confirmalo.

O sexto e último chamamento, tal e como informa a CiUG, publicarase o venres día 2 de setembro, e o alumnado terá que matricularse no prazo disposto, do 3 ao 6 do mesmo mes.