Manifestación de traballadoras do Consorcio de servizos de Igualdade ás portas do Congreso do PPdeG

Laboral
Redacción ECG
Foto: www.cnt.gal

Un grupo de traballadoras temporais do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar (IeB) e de outros organismos da Xunta concentráronse este sábado no exterior do multiusos de Sar coincidindo coa celebración do congreso do PPdeG, facendo unha ruidosa cazarolada que se prolongou varias horas con berros de “Feijóo escoita, tes o Consorcio en loita”, “Non ao ERE de mulleres” ou “A nosa consellería que a leve quen a queira”. A central de traballadores CNT busca a regularización da situación “de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto (oposición, listas, subrogación,...), no caso particular das traballadoras do Consorcio IeB, toda vez que a Xunta vén de incluír a práctica totalidade das súas prazas na oferta de emprego público (OPE) publicada a finais de 2020”. A central denunciou o “intento de cercenar a protesta” dada a revogación de víspera por parte da delegación do goberno do PSOE do permiso para cortar o tránsito nas inmediacións do multiusos alegando que se debía “garantir o acceso ás instalacións deportivas e o paso do transporte público”. O sindicato indica que isto é “un guiño político” entre os dous partidos que teñen a responsabilidade de solucionar o problema da temporalidade abusiva no sector público.