Mellores condicións para os profesores axudantes que investigan na USC

O Consello de Goberno da institución académica deu luz verde tamén a un proxecto de Regulamento de Xestión Patrimonial
Universidade de Santiago
Redacción
O Consello de Goberno co reitor da USC, Antonio López, presidindo o acto. Foto: Santi Alvite

O profesorado axudante doutor da USC contará con mellores condicións retributivas ao ratificar este venres o Consello de Goberno da institución académica o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora. O pacto asinado esta semana entre a entidade compostelá e os sindicatos representados na mesa de negociación de Persoal Docente e Investigador (PDI), admite o dereito á avaliación do labor investigador dese colectivo, tendo as mesmas condicións que os traballadores con vinculación permanente.

A medida atópase en consonancia coas premisas que vertebran o Plan plurianual de Profesorado 2019-2022 e ao abeiro do cal se adoptaron nos últimos anos varias medidas tanto en materia de dotación de prazas como na mellora das condicións laborais deste colectivo. Como explicou o día da sinatura do acordo o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, o profesorado axudante doutor é unha figura de acceso á carreira docente e investigadora pola que a USC aposta de forma decidida como vía para propiciar o relevo xeracional e abordar o rexuvenecemento do persoal docente.

O devandito acordo terá será indefinido e os interesados deberán concorrer nas convocatorias que difunda a USC para este efectos dende 2021 e en adiante, tendo que acreditar os requisitos establecidos nelas e obtendo unha avaliación positiva por parte do órgano que se designe.

En materia de PDI tamén se aprobaron prórrogas de profesorado asociado, comisións de selección de prazas e modificouse a denominación da área de coñecemento propia da USC Psicoloxía Organizacional, Xurídico-Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento pola de Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense.

Completando o capítulo de xestión de persoal, o Consello tamén aprobou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e Servizos (PAS) coa intención de reforzar a xestión relativa ao persoal de investigación e realizar axustes que optimicen o funcionamento do PAS da Universidade.

XESTIÓN PATRIMONIAL. O Consello de Goberno deu tamén luz verde ao proxecto de Regulamento de Xestión Patrimonial da USC. Neste senso, o documento que foi aprobado pretende establecer unha ordenación máis estruturada e integradora do réxime patrimonial, centrada na esfera da xestión dos bens e dereitos de titularidade da USC e acorde coas regulacións estatal e autonómica vixentes.