Nace a Alianza Industrial do Hidróxeno Verde para facer de Galicia un referente no sector

A iniciativa conta con máis de 700 membros de eidos públicos e privados // Rueda esixiu vontade por parte do Goberno central
Acto inaugural
E. Nieto
Alfonso Rueda asiste a la presentación de la Alianza industrial galega do hidróxeno verde. Edificio Fontán, Santiago de Compostela, 21/12/22. - DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

Continuando coa fonda aposta que se está a facer na comunidade polas enerxías renovables, onte presentouse unha iniciativa líder como é a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, da que forman parte máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais e que nace co obxectivo de converter a Galicia nun “referente internacional” deste sector.

No acto, levado a cabo no Edificio Fontán da capital galega, o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, quixo poñer en valor a iniciativa pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística.

Asemade, Alfonso Rueda fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para afrontar un reto de grandes proporcións, pero tamén unha oportunidade para Galicia, a segunda comunidade, tal e como exponen dende a Xunta, que xera máis enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e que ademais conta cunha ampla dispoñibilidade de recursos hídricos.

Alén do titular da Xunta de Galicia, tamén asistiron ao acto de presentación o vicepresidente primeiro, Francisco Conde; representantes das empresas que cobren toda a cadea de valor que integra a Asociación Galega de Hidróxeno (AGH2), así como das universidades galegas, institucións e axentes sociais.

Na presentación afondouse nos obxectivos polos que se creou esta Alianza coa que Galicia aspira a liderar a produción de hidróxeno verde e converterse nun referente internacional do sector.

Neste senso, segundo informan dende o Executivo autonómico, a Alianza actuará sobre cinco eixes: deseñar a posta en marcha de ferramentas e instrumentos de apoio específicos para o desenvolvemento do sector industrial do hidróxeno, identificar as oportunidades, promover a formación especializada nas empresas, fomentar a investigación e o desenvolvemento de solucións innovadoras para a industria en torno ao hidróxeno verde e impulsar a necesidade de establecer a infraestrutura necesaria para a execución do corredor atlántico do hidróxeno co hidroduto Galicia-Norte de Portugal e a conexión de Galicia coa Meseta (Guitiriz-Zamora), e con Europa.

Alfonso Rueda salientou que hidróxeno verde “aparece como un dos grandes protagonistas nas próximas décadas na produción industrial”, e amosouse convencido de que “Galicia non vai perder o tren” posto que “hai tempo que empezou a prepararse e pódese asumir non con tranquilidade pero si con capacidade os cambios que se aveciñan”.

Neste sentido, o titular do Goberno galego chamou a “consolidar a Galicia como un referente internacional na industria de hidróxeno verde”. “Imos converter a Galicia en líder deste sector”, subliñou.

Corredor do hidróxeno. Foi neste punto no que reclamou “que se rectifique” o corredor de hidróxeno, “infraestrutura fundamental”, de modo “que sexa unha realidade o corredor atlántico”, coa conexión Guitiriz-Zamora “que a día de hoxe non está planificada”.

Asemade, asegurou que en plena transformación industrial e nun incerto contexto económico, as empresas precisan máis que nunca “vontade e estabilidade” para levar a cabo os seus proxectos. Salientou que o Goberno galego ofrece garantías con medidas como a Lei de simplificación administrativa que permite reducir prazos para a posta en marcha de proxectos estratéxicos, e tamén certezas aprobando en tempo e forma os orzamentos do 2023, os máis altos da historia.

Na mesma liña, esixiu ao Goberno central a mesma vontade, algo que puxo en dúbida tendo en conta a demora “sen xustificación” dos fondos europeos, xa que unicamente un 13% dos 33.000 millóns de euros destinados aos Pertes están en execución, e no que respecta ao do hidróxeno, considera insuficiente que a Galicia se lle asignen nas liñas provisionais anunciadas tan só 32 millóns para o impulso de tres proxectos cando a propia Alianza Galega de Hidróxeno conta xa con doce proxectos planificados que sumarían un investimento de máis de 2.500 millóns.