25X

O azul de Portosín no Xacobeo 21-22

Blanca-Ana
Roig Rechou
Profesora-investigadora “Ad Honorem”
Blanca Roig Rechou

No renacer das rutas antigas a Compostela, recuperouse O camiño da ría de Muros e Noia, unha ruta da costa oeste galega que comeza en Muros para logo pasar por Esteiro, Cruceiro de Roo, Serra de Outes, Porto do Son, Portosín, Noia, San Xusto, Urdilde, Alqueidón, Bertamiráns e remata, como todas as rutas na gran Sé de Santiago de Compostela. Un percorrido que permite gozar das belezas da fauna e flora da Ría e tamén das terras interiores que levan aos peregrinos á fin do percorrido.

Son dez etapas nas que se poden ollar xoias arquitectónicas que albergan os diferentes lugares por los que discorre este camiño: capelas, cruceiros, monumentos megalíticos, ermidas... e gozar dunha gastronomía natural que non precisa grandes condimentos, sabe por ela mesma, axudada tan só por dous elementos: o lume e a auga doce e salgada.

Portosín, porto pertencente ao Concello de Porto do Son, está nesa ruta Terrestre e Marítima. Ten unha poboación de pouco máis de seiscentos habitantes, que se cuadriplica nos veráns debido a que conta cun fermoso areal constituído polas praias da Aguieira, o Pozo, o Castro, Coira e Entrepuntas, por unha banda; a Gafa e a Ornanda pola outra.

Todas teñen como centro o recinto portuario, cun paseo marítimo chan que comeza no Faro de Lolita, como o denominou, neste xornal, Anxo Tarrío a partir duns grafittis, ata o faro da Escollera do Real Club Naútico, cuxo porto deportivo foi elixido para recibir os peregrinos. Desde calquera dos espazos poden contemplarse as cores variadas do mar, con predominio do azul e do verde, azul como as variedades dos peixes que captura a flota pesqueira, hoxe con denominación de orixe “Azul de Portosín”, e verde lembrando aqueles ollos do famoso peregrino Gaiferos de Mormaltán.

As moles graníticas que acubillan a baía son: Montelouro, que nos indica a saída da Ría cara a mar aberto e Punta Batuda, que marca o límite con outro tramo do Camiño, Noia; a illa da Creba no centro marítimo; a serra do Barbanza e o seu imponente monte Iroite cara ao interior cunha aba chea de lugares e aldeas ricas en produtos da terra.

Entre as construcións a visitar ou contemplar, son exemplos a Igrexa parroquial: San Sadurniño de Goiáns, que acolle parte da historia máis remota da agora vila; a capela das Pardiñas, coa Virxe dos desamparados, datada en 1848, co seu cruceiro ao pé; o cruceiro do Campanario (ou da Carretera) que inicia o camiño cara á pequena torre da Campá que marcou e marca a vida da veciñanza avisando de festividades, pero tamén de traxedias marítimas e terrestres; a capela de San Quietán co Santo que foi quen de soportar nos seus brazos orantes as gravatas dos que tiveron que partir a combater na Guerra Civil do 36 e que non todas foron recuperadas; muíños, fervenzas, rompentes, rochas, un sen fin de recunchos a descubrir e tamén casas que recordan a tradición das factorías de salgadura.

Todo o amentado, xunto a actividades tradicionais, artes de pesca, tipos de embarcacións, recoñecemento e denominacións dos peixes que se capturan, e, mesmo, degustación dun bo menú mariñeiro con produtos da terra e o mar, foron os obxectivos do Feirón Mariñeiro que, como remate deste curso escolar, o alumnado do CEIP de Portosín, guiado polos membros do seu claustro, expuxeron e explicaron aos visitantes. Un excelente proxecto docente co que os nenos e nenas de Portosín entraron en contacto coa súa contorna para saber quen son e de onde veñen, unha ensinanza que recorda o labor de concienciación dos homes e mulleres da Xeración Nós.

Eu, que nacín en Portosín, aínda que agora comparto morada con Compostela, pídolle ao Apóstolo, no seu día Grande e desde as páxinas deste diario que sempre o honrou, que axude a que o meu berce vital imprescindible siga a medrar, pero con xeitiño, que ilumine aos gobernantes e os dote de miradas sensibles para que saiban recuperar e gozar das construcións máis emblemáticas que, por sorte se manteñen, e que eviten a instalación do urfeismo (urbanismo feo) a favor dunha estética acorde cos tempos e a memoria.