O BNG leva ao Parlamento Europeo a "precaria" situación das traballadoras do servizo de axuda a domicilio

Unha portavoz do colectivo denuncia que as administracións e as empresas as tratan “como a máquinas” e aos dependentes, “como a mobles”
Laboral
El Correo Gallego
Ana Miranda

A CORUÑA. EP. A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, levará á Comisión de Peticións da institución comunitaria a "precaria" situación das traballadoras do servizo de axuda a domicilio en Galicia. "Necesitan máis medios e máis recursos", clamou ante a delegación da Consellería de Política Social da Coruña, onde presentou a petición de denuncia xa remitida á Eurocámara.

A representante da formación nacionalista asegurou que o traballo que realizan é "moi útil" e por iso cre que "debe estar ben pago" e ter un "recoñecemento público" do que, di, carecen. O 98,7% do colectivo son mulleres, calculou Miranda, e a pesar de que, pola pandemia está "entre os máis perigosos por contaxio", é considerado, engadiu, de "baixo risco".

A representante do BNG no Parlamento Europeo denuncia que o Estado non dispón de "suficientes recursos" para a dependencia e que a Xunta non realiza, censura, "tarefas de control" ás que empresas que ofrecen un servizo "de tantísima importancia" na sociedade actual.

Pola súa banda, a portavoz da Plataforma SAF Galiza, Trinidad Palacios, critica que a axuda a persoas dependentes e maiores "converteuse nun negocio". O convenio colectivo, remarca, está sen actualizar desde hai unha década e marca un prezo de 9,70 euros a hora, aínda que engadiu que ás veces non chega ao sete euros.

CONTRATOS

"Condénannos á precariedade total e absoluta", lamentou Palacios, que pon como exemplos contratos de 17 horas por 400 euros ao mes. Os horarios, repartidos ao longo do día, imposibilitan, critica, poder ter outro traballo e tamén se queixa da baixa cotización do seu labor. "Seremos xubiladas pobres e con problemas físicos", prevé.

A este respecto, esta traballadora do servizo a domicilio da Coruña explicou aos medios que manexan cargas de até 90 quilos e non teñen "recoñecidas enfermidades laborais". "Trátannos como a máquinas e ás persoas dependentes, como a mobles", asegurou.

Sobre a crise sanitaria, a portavoz do colectivo denunciou que, aínda a día de hoxe, "non" teñen "material suficiente" para a súa protección. Mostrando un delantal asegurou: "Con isto enfronteime ao coronavirus". E denunciou que a algunhas traballadoras as empresas danlles máscaras de tea e traballan "con todos os fluídos corporais".

"Estamos a xogar coa nosa vida, a das familias e as dos usuarios", reprochou Palacios, para sinalar que, como traballadoras en distintos domicilios, non teñen "control" sobre as persoas que entran e saen ou se toman medidas de seguridade e, por tanto, do risco de contaxio que viven a diario.