O campo galego rexeita que o boom eólico estrague terras agrogandeiras

Son arredor de 120 os parques en tramitación polo dobre da potencia que hoxe está a xirar
Renovables
José Calviño
Pola esquerda Jacobo Feijóo, Roberto García e Diéguez

O novo bum eólico é imparable, chega da man da descarbonización e ven decretado pola Unión Europea. eso non quita que desde o mundo rural, que será o que acollerá os parques –as urbes sálvanse dos aeroxeneradores– se avise de que deben respectarse ás terras con vocación agraria e gandeira.

Nunha rolda de prensa o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, acompañado polo responsable da área forestal e de enerxías renovables, Jacobo Feijoo; e por José Antonio Diéguez, titular da Asociación de Propietarios de Terreos Eólicos Ventonoso, deixaron patente que a “avalancha de proxectos eólicos en tramitación” están a xerar “alarma social no rural galego”.

En especial, apuntou García, “aqueles que se pretenden instalar en zonas de vocación agrogandeira, toda vez que as principais ubicacións nos montes xa están desenvolvidas ou non son posibles por estar en Rede Natura”. “É importante centrarse en que os parques non se ubiquen nas zonas agrarias, e eliminar os impactos críticos en todos que finalmente se aproben, especialmente nas zonas agrogandeiras e habitadas”.

Tamén se reclaman a as reformas legais oportunas para que as adxudicacións de potencia teñan en conta compensacións para as zonas onde se ubiquen os parques, e non se repita a situación dos anos 60 e 70 en Galicia coa expansión dos embalses, que non deixaron máis compensacións que expropiacións por prezos irrisorios.

Como recordou Diéguez, se na última década en Galicia se instalaron 500 megavatios (MW), agora son arredor de 120 os parques en distintas fases de tramitación que, sumando máis de 6.800 MW, case dobrarían o instalado na actualidade. Deles, 37 proxectos superan 50 MW por parque, sumando máis de tres mil megas totáis, e foron solicitados directamente ao Goberno central. Outros 90 están por debaixo dese límite e correspóndelle tramitalos á Xunta, sumando outro tanto de potencia. Hai ademais outro millar de megavatios de convocatorias anteriores.

Moitos quedarán no papel, pero tanto UUAA como Ventonoso queren que os que finalmente se desenvolvan exclúan as zonas agrarias, e se sometan en todo caso á presentación polas empresas dun suficiente número de acordos asinados cos propietarios afectados tras negociar prezos e condicións.

Tamén piden que compensen a tódolos afectados, non so os propietarios do terreo onde se ubica o parque, pois hai zonas con granxas en activo que se poden ver afectadas polas recalificacións urbanísticas asociadas.