O Consello Consultivo avala que o goberno galego pode exercer as competencias en materia de ordenación do litoral

//Tamén se aprobou a presentación de alegacións ao Plan estratéxico nacional para a protección da costa, xunto coas de 22 concellos e as empresas afectadas// Denuncian que pon en risco preto de 4.000 edificacións, das que 200 son negocios
E. NietoSantiago

A semana pasada, o goberno galego solicitaba un informe independente ao Consello Consultivo sobre a transferencia da competencia de costas á comunidade autónoma, tras coñecerse as medidas dispostas no Plan Estratéxico do Litoral presentado polo Goberno central que, segundo reclaman, suporía un “abandono total e absoluto” da nosa costa.

Segundo informou o presidente da Xunta o día de onte, o dictamen do Consello avala que a Comunidade pode exercer as competencias solicitadas sen necesidade de reformar o Estatuo de Autonomía, o que “reafirma as teses da Asesoría Xurídica da Xunta”. Isto implica que, segundo as conclusións do Consultivo, si se podería efectuar o traspaso competencial do dominio público marítimo-terrestre tantas veces reclamado polo goberno galego.

Neste eido, Alfonso Rueda fixo fincapé en que o Estado está exercendo “transitoriamente funcións que non lle corresponden”, polo que o Consultivo conclúe que “se debe evitar, por lealdade constitucional, esta situación anómala”.

Presentación de alegacións. No Consello da Xunta do día de onte tamén se aprobou o acordo polo que se autoriza o traslado ao Goberno central das alegacións presentadas por Galicia ao Plan Estratéxico nacional para a protección da costa española por parte das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar.

Á reclamación do goberno a este plan, que pon en risco arredor de 4.000 edificacións entre as cales figuran máis de 200 empresas, súmanse as de vinte concellos do litoral e as dos negocios afectados.

A Xunta explica que logo do impedimento por parte do Estado para que os concellos e as empresas afectadas tivesen acceso ao contido do plan, o goberno autonómico explica que se puxo á disposición dos interesados para recoller as súas alegacións e presentalas ante o Ministerio, co fin de que sexan tidas en conta.

O conxunto de reclamcións indicen na falta de fundamento legal na execución deste plan estratéxico e en que ten como obxectivo eliminar toda a ocupación do dominio público marítimo-terrestre en Galicia no horizonte 2045. Asemade, tal e como informou a Xunta nun comunicado, denuncian que “carece de fundamento obxectivo ao se basear exclusivamente na opinión de dous funcionarios estatais”. Denuncian tamén que o plan analiza só 28 emprazamentos que xa son de risco potencial, e non toda costa galega.

Alén disto, dende a Xunta apuntan que a normativa vixente de costas xa regula cando se poden retirar as concesións do litoral debido ao cambio climático. Tal e como indican, é un caso que só se pode dar cando España teña declarado unha área en regresión grave por ter retrocedido a liña de costa máis de 5 metros en cada un dos últimos 5 anos e cando as ocupacións que estean nesa área se vexan alcanzadas polo mar ou exista un risco real de que ocorra. Por isto, o goberno galego mantén que o Estado non pode eliminar as ocupacións da costa porque contradí esta regulación.

Por outra banda, dende a Xunta explican que nas alegacións tamén se fará referencia a que o plan supón un “novo intento” do goberno central por ampliar as súas competencias a expensas das que posúen as comunidades.