O consumo de peixe pon a Galicia entre os lugares con maior lonxevidade e calidade de vida do mundo

O presidente da Xunta inaugurou o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica-Dietatlántica // Galicia é a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros, por diante de países coma Xapón, superando a cifra dos 2.000 millóns de euros de exportacións
Dieta Atlántica
Sabela Arias
Pola esquerda, José González, Antonio López, Rosa Quintana e Núñez Feijó no Foro Dietlántica, en Santiago

O consumo de peixe beneficia a nosa saúde e as nosas expectativas de vida porque baixa en gran medida as posibilidades de padecer enfermidades cardiovasculares, especialmente infarto agudo de miocardio, ou accidentes vasculares cerebrais. O doutor Guillermo Aldama, cardiólogo intervencionista do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), explicou no Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica–Dietatlántica, organizado pola USC en colaboración coa Xunta, que empezou este luns en Santiago e que remata este martes, que en España se viven moitos anos, máis que en case todo o resto do planeta, e ademais vívense ben, mellor que case todas as rexións do mundo. En gran parte, estes beneficios para a saúde veñen da nosa dieta, e concretamente do consumo de peixe. Guillermo Aldama comparou a nosa situación co que pasa, por exemplo, en Estados Unidos, onde están preocupados pola saúde dos seus cidadáns, ata o punto de que está en risco o seu sistema de saúde. Dixo que os médicos e investigadores estadounidenses buscan patróns de éxito en todo o mundo e atoparon como un dos máis importantes o español. Dentro del, Galicia está entre as comunidades con maior lonxevidade e calidade de vida.

Os cardiólogos teñen claro que o consello dietético máis útil, e así o confirmaron con estudos científicos, que o de consumir peixe é o único eficaz fronte a menor consumo de graxas e aumento de freba. Mesmo moi superior ao de consumo de suplementos omega 3. De feito, deixaron de dar aos pacientes suplementos Omega-3 e recomiendan peixe porque, ademais, despraza o consumo doutros alimentos.

O consumo de produtos do mar, peixes, mariscos e algas, son parte fundamental dunha dieta sá e equilibrada. Estímase que o seu consumo non debe ser inferior a 3 ou 4 racións na semana por tratarse dun alimento que, ademais do seu alto valor como fonte de Omega-3, nos achega proteínas de alto valor biolóxico, vitamina D e do grupo B, ferro, potasio, iodo, potasio e calcio entre outros nutrientes. Este alimento é un dos piares fundamentais da dieta atlántica que promove a Fundación Dieta Atlántica a través da Universidade de Santiago de Compostela desde que se constituiu en Galicia no ano 2007.

GALICIA, POTENCIA EXPORTADORA
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos produtos do mar galegos como sinónimo da Galicia calidade, protagonistas da dieta atlántica e claves para manter unha alimentación equilibrada e saudable. Durante a inauguración este luns do I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica-Dietatlántica, que pode seguirse en directo a través de internet, Feijóo salientou que na actualidade Galicia é a décima potencia exportadora mundial de produtos pesqueiros, por diante de países coma Xapón, superando a cifra dos 2.000 millóns de euros de exportacións.

Así mesmo, resaltou que as lonxas galegas rexistran a descarga de máis de 150.000 toneladas anuais de peixes, mariscos e algas e que Galicia produce máis de 250.000 toneladas de mexillón e outras especies de acuicultura. Ademais, dispón dun sistema de trazabilidade que xera anualmente máis de catro millóns de notas de venda diferenciadas nas lonxas.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta puxo en valor o desenvolvemento de foros coma este, fundamentais -aseverou- para saber máis sobre o valor nutricional e fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Unha vocación de concienciación e difusión coa que tamén está comprometida a Administración autonómica, a través das distintas campañas que desenvolve para impulsar o consumo de produtos do mar entre a poboación infantil e xuvenil. “E queremos seguir avanzando nesta liña para continuar estimulando tamén o consumo dos produtos do mar entre os adultos”, dixo, recordando que Galicia está un 22% por riba do consumo per cápita nacional.

O presidente do Goberno galego concluíu lembrando que nesta etapa difícil da covid-19 o sector do mar soubo responder e adaptarse á nova situación, aprendendo a desenvolver ciclos curtos de produción e comercialización, movidos por unha cadea comercial de proximidade; ou impulsando a venda dixital. “Grazas a estas iniciativas púidose dar cumprida resposta a unha sociedade que demandou máis produto do mar durante a pandemia”, dixo, precisando que en 2020 os fogares españois compraron un 10,5% máis de produtos do mar e gastaron un 13,8% máis que en 2019.