O estado de alarma reduciu nun 17,6 % a criminalidade en Galicia neste semestre

O descenso é máis acusado no conxunto do Estado onde a rebaixa é do 24,8 % nos primeiros seis meses do ano
M.TriñanesSantiago
O alixo incautado na operación Donkey desenvolta durante o estado de alarma. Foto: F.Vilar

A criminalidade sufriu un descenso do 17,6% no primeiro semestre de 2020 en Galicia con respecto ao mesmo periodo do ano anterior. Unha baixada que está directamente relacionada co estado de alarma decretado a mediados do mes de marzo debido á pandemia da covid-19, tal e como subliñaron onte dende o Ministerio de Interior.

Concretamente, fronte ás 38.897 infraccións do primeiro semestre de 2019, durante o mesmo periodo deste ano a cifra quédase en 32.055.

No conxunto do Estado esta caída foi máis acusada, cun descenso de case o 25%, destacando claramente as dúas comunidades co maior número de poboación, Catalunya e Madrid, onde o descenso chega ao 30%.

Pola contra, onde menos descenderon as infraccións penais foi en Extremadura, cunha diminución do 14,3%, seguida de Cantabria e La Rioja, ambas cunha rebaixa do 15%. Todos os delitos rexistraron unha redución, salvo os homicidios en grao de tentativa que aumentaron un 2% (411 fronte aos 409 do ano anterior) e o tráfico de drogas, cunha lixeira repunta do 0,9% e 8.071 infraccións penais contabilizadas. O Ministerio de Interior recalca que o incremento dos delitos por tráfico de drogas está “moi relacionado” coa actuación das forzas de Seguridade no marco do Plan Especial de Seguridad para el Campo de Gibraltar.

Boa parte deste descenso xeralizado da criminalidade “está intimamente correlacionado coas circunstancias derivadas da entrada en vigor do estado de alarma e que estivo vixente ata o 21 de xuño”, destacan dende a carteira de Grande Marlaska.