O número de fogares en Galicia aumentará nun 2,6% en 15 anos

A Proxección para 2022-2037 do IGE prevé que o tipo máis común será o de dúas persoas, seguida das familias de tres membros e as unipersoais
IGE
N. Vázquez
Previsión IGE. En quince anos haberá 28.119 fogares máis na nosa comunidade. Foto: EP

O número de fogares galegos aumentará un 2,6% nos vindeiros quince anos, concretamente nas provincias de Pontevedra e A Coruña e os conformados por unha e dúas persoas. Diminuirán, pola contra, o núcleos formados por unha parella con fillos.

Así o reflicte a Proxección de fogares 2022-2037 publicada onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), e que se elabora cada dous anos para proporcionar unha estimación da evolución futura dos fogares galegos, en base ás condicións demográficas observadas no momento actual.

Segundo apuntan os resultados, Galicia presentaría nos próximos anos unha evolución positiva do número de fogares, aumentando en quince anos o número de fogares en 28.119 unidades. Isto é, segundo a proxección, a comunidade pasará de ter 1.073.030 fogares neste 2022 a ter un total de 1.101.149 no 2037, o que supón unha variación interanual dun 2,6%.

Con todo, esta evolución do número de fogares na comunidade non será homoxénea nas diferentes provincias. Pontevedra (383.171) será a que maior aumento rexistre, cunha variación interanual dun 5,1%; seguida da Coruña (464.146), cunha variación dun 3,1%. Pola súa banda, Lugo e Ourense experimentarán un descenso no número de fogares do 2,6% (127.078) e 0,9% (126.753) respectivamente.

Das 20 áreas ou agrupacións de comarcas galegas consideradas na Proxección de fogares do IGE, increméntase o número de fogares no período 2022-2037 en 9. As que rexistran os maiores incrementos son Caldas-O Salnés (7,8%), a Área de Pontevedra (6,6%), a Área de Santiago (6,5%), a Área da Coruña (6,3%) e a Área de Ourense (6,1%).

O maior descenso no número de fogares no período 2022-2037 dáse nas áreas de Lugo oriental, cun descenso do 10,6%, na de Ourense sur, cun decrecemento do 7,4%, e na de Ourense central, cunha diminución do 6,8% en todo o período considerado.

Aumento dos fogares de unha e dúas persoas. No tocante á evolución do tamaño dos fogares galegos de cara ao 2037, o IGE estima un incremento do número de fogares de menor tamaño, conformados por unha ou por dúas persoas, do 7,4% e do 8,4% respectivamente. Deste xeito, os fogares conformados por unha persoa pasarían de ser no 2022 o 22,3% (239.145) do total, ao 23,3% (256.902) no 2037. Asemade, os conformados por dúas persoas, pasarán de ter un peso do 30,3% (324.998) no 2022, ao 32% (352.295) no 2037.

O IGE tamén estima un crecemento nos fogares de maior tamaño (conformados por 6 ou máis persoas), concretamente dun 5,9%. Estes pasarían así de representan un 2,6% dos fogares no 2022 (28.422) a representan un 2,7% do total no 2037 (30.096).

Pola contra, atendendo á proxección diminuiría o número de tamaños conformados por 3, 4 e 5 persoas nun 3,9% en total. Concretamente, os fogares de tres persoas pasarían de representar o 22,9% (245.869) ao 22% (242.497); os de 4, do 16,6% (177.769) ao 14,8% (163.062); e os de 5 do 5,3% (56.827) ao 5,1% (56.297). Deste xeito, o tamaño medio dos fogares galegos experimentará unha redución no período 2022-2037 de xeito xeneralizado nas catro provincias, pasando o número mediode membros de ser 2,49 en 2022 a 2,39 en 2037.

Diminúen as parellas con fillos. Asemade, a Proxección de fogares do IGE tamén analiza a previsión da composición dos fogares atendendo á relación dos membros que os conforman. Neste senso, diferencia entre núcleos unipersoais, parellas sen fillos, parellas con fillos, unidades monoparentais e outros.

Estíma o IGE que a única tipoloxía de fogar que experimentará un descenso nos vindieros quince anos son as parellas con fillos, que concretamente pasarán de representar un 33,7% (361.906) do total de fogares a un 31,7% (350.035). Isto é, experimentará unha reducción interanual do 3,3%.

Pola súa banda, o resto de tipoloxías de fogares aumentarán na comunidade. Serán as parellas sen fillos a unidade familiar que máis aumentará na comunidade, un 8,4%, pasando de ser o 21,8% do total no 2022 (234.840), ao 23,1% no 2037 (254.513).

Os fogares unipersoais aumentarán nun 7,4%, pasando de representar o 22,2% (239.145) ao 23,3% (8256.902). Finalmente, tamén rexistrarán un lixeiro aumento as unidades monoparentais, nete caso un tímido 1,2%. Con todo, debido ao incremento xeralizado dos fogares, isto implica que pasarán de representar o 9, 8% (106.173) do total de familias no 2022, ao 9,7% (107.487) no 2037.