O PP ve máis urxente que compareza a ministra sobre o caso dos Avril

Reiteran a solicitude e consideran que se ocultou información sobre o atraso dos trens
trens Avril
E.P./Redacción

Santiago. O deputado do PP no Congreso, Celso Delgado, reitera a solicitude de comparecencia “urxente e necesaria” da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, tras coñecer a versión de Talgo sobre o atraso da entrega dos trens Avril en Galicia.

Esta semana o presidente desta compañía, Carlos Palacio, remitía unha carta ao seu homólogo en Renfe, Isaías Táboas, na que rexeita a reclamación de 116 millóns de euros que lle solicita polo atraso nestes 15 trens de alta velocidade e acusa directamente á empresa pública. Para Delgado, deputado por Ourense, esta resposta de Talgo fai “aínda máis necesarias” as explicacións que o PP solicitou o pasado 27 de xullo coa comparecencia de Raquel Sánchez e do propio presidente de Renfe.

De acordo co PP, da carta do presidente de Talgo despréndese que houbo “compromisos firmes” por parte do Ministerio que logo foron incumpridos: “Ocultouse información ao Congreso, aos gobernos autonómicos e aos medios de comunicación. Creáronse expectativas aos usuarios do ferrocarril e aos sectores turístico e empresariais que non se cumpriron”.

Delgado lamenta que o Estado fornecese información con datas “sistematicamente incumpridas”. “Galicia precisa urxentemente trens de ancho variable e de máis capacidade, pero Sánchez xa perdeu a oportunidade de achegalos neste dobre Ano Xacobeo. En realidade, xa non confiamos en ningún dos seus prazos”, conclúe o popular. E.P /ECG