O reforzo de persoal derivado da pandemia ascendeu aos 63 millóns

O Informe do Consello de Contas de Galicia constata un aumento notable da temporalidade e unha caída sen precedentes do nivel de actividade asistencial
E.P./Redacción
Covid. Dúas traballadoras realizando tests de antíxenos. Foto: B.L.

Segundo o informe de fiscalización do Sergas no ano 2020, publicado o pasado venres polo Consello de Contas, o gasto orzamentario dos reforzos de persoal con orixe na Covid-19 ascendeu a 63,5 millóns de euros, período no que o persoal interino aumentou en 610 persoas á vez que se perderon 366 efectivos medios con praza en propiedade. Por áreas sanitarias, este gasto orzamentario foi maior na Coruña, seguida de Vigo, Santiago e Ourense; e finalmente Lugo, Pontevedra e Ferrol.

No tocante ao número medio de profesionais que prestou e prestou servizo no organismo autónomo durante o ano 2020 foi de 41.490, o que representa un 4% máis que no ano anterior. O 75% do persoal total correspóndese co destinado á Atención especializada, un 21% á Atención primaria e o 4% restante á formación, investigación e administración.

En canto o ás contratacións temporais de eventuais e substitutos, aumentaron en 1.429 efectivos respecto do exercicio 2019, motivado polas necesidades nadas da pandemia do coronavirus.

En términos porcentuais, esta variación do persoal representou un incremento do 4,2%. Así e todo, o informe do Consello de Contas fai referencia a un “aumento notable” dos índices de temporalidade, un 48% na Atención especializada e un 30% na Atención primaria, observándose un incremento interanual de dous puntos en ambos casos. Asemade, o Consello de Contas fai unha “mención especial” á variación interanual da temporalidade motivada pola Covid no exercicio 2020, cuxo incremento ascendeu a un 30% en persoal eventual, un 8% en interino y un 3,7% en persoal substituto.

Actividade asistencial. O impacto da covid-19 na actividade asistencial tamén está recollida no informe de Contas, que indica que “se viu afectado de xeito significatovo pola pandemia, experimentando respecto a 2019 diminucións de distinta intensidade nos principais indicadores”.

Esta “caída sen precedentes do nivel de actividade desenvolvida” foi, sobre todo, notable nas urxencias (25%), en cirurxía maior ambulatoria (25%), cirurxía con ingreso (17%) e finalmente consultas (16%).

Alén da caída da actividade asistencial, no informe reflíctense as súas consecuencias en termos de demoras na atención sanitaria. Contas conclúe que os tempos medios de espera experimentaron incrementos significativos nos distintos ámbitos asistenciais, cun 33% en cirurxía, un 19% na área de consultas externas e cun 56% na área de probas diagnósticas.

Recomendacións. Finalmente, o informe recolle unha serie de novas recomendacións, a maiores das xa vixentes, estén ou non aplicadas con éxito por parte do Executivo galego. Motivado polo “cambio do modelo organizativo e das conclusións do informe”, expoñen que na Memoria da Conta Xeral do Sergas “para os efectos do cumprimento do principio de transparencia e dunha mellor rendición de contas”, debería recollerse unha ampla información sobre os efectos da covid-19, tanto no ámbito económico-financeiro coma no da actividade asistencial desenvolta.

Asemade, recollen que a actividade sanitaria prestada con medios alleos debe estar sustentada en todo momento polo procedemento contractual axeitado. Segundo se expón no informe, o Sergas debe cesar na utilización da figura da autorización de uso como forma contractual e suxeitar ao marco legal os gastos que se veñen detectando pola vía do contrato menor e que non se axustan a regulación.

Segundo os datos, o gasto en asistencia sanitaria con medios alleos no exercicio 2020 elevouse a 209 millóns, un aumento do 2%. En termos de gasto real, o gasto en actvidade concertada supón un 5%.

Contas sinala que hai determinados servizos nos que se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e conclúen que esta figura carece de sustento para ser utilizada con esta finalidade e vulnera os principios esenciais da contratación pública.