Os conselleiros tomaron posesión coa premisa de non dar xiros de 180 graos

Así o asegurou o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convencido de que “Galicia non precisa volantazos” //Todos xuran o cargo a excepción de Calvo e Comesaña, que o prometen
ángela precedoSantiago
foto de familia. De esq. a dereita.: José González Vázquez, Medio Rural; Julio García Comesaña, Sanidade; Román Rodríguez, Cultura, Educación, F.P. e Universidades; Ángeles Vázquez, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Diego Calvo, Presidencia, Xustiza e Deportes; Alfonso Rueda, presidente; Francisco Conde, Economía, Industria e Innovación; Miguel Corgo, Facenda e Administración Pública; Ethel Vázquez, Infraestruturas e Mobilidade; María Jesús Lorenzana, Promoción do Emprego e Igualdade; Fabiola García, Política Social e Xuventude, e Rosa Quintana, Mar. Foto: F. Blanco

“Galicia non necesita volantazos nin xiros radicais de 180 graos, senón prosperar con ‘ sentidiño’, como ata o de agora”. Baixo esta premisa deu a benvida o novo presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, aos once conselleiros que compoñerán a Xunta de agora e, como mínimo, ata 2024, practicamente os mesmos que na estrutura de Alberto Núñez Feijóo, unicamente coa incorporación do expresidente do PP da Coruña, Diego Calvo á presidencia segunda e á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O xa líder do Executivo galego asegurou este luns na toma de posesión do seu equipo de Goberno no Pazo de Raxoi que, á hora de elixir aos membros do mismo, plantexouse varias preguntas, pero unha fundamental e que respondería a todas as demais: ¿Está avanzando Galicia na dirección adecuada?”. “Eu creo que a resposta está ben clara nestes homes e mulleres que volven hoxe a prometer e xurar os seus cartos poñéndose ao servizo de Galicia”, respondeuse a si mesmo.

E, mostrándose consciente de que os galegos “temos moitas dificultades inmediatas, como a alza dos prezos de moitas cousas, das facturas e dos combustibles, e incertezas para o autónomo e para as empresas que se trasladan ao tecido laboral”, así como “a necesidade de mellorar os servizos públicos, moitos deles competencia da Xunta”, concedeu que tamén é preciso “recoñecer que Galicia, co presidente Feijóo, estaba a responder con determinación a todo o que estamos a encarar e ao futuro”.

Así, concluíndo a necesidade de volver elixir aos mesmos conselleiros, lembrou que grazas a eles a comunidade “resistiu a pandemia como mellor lugar da Península, desde o punto de vista sanitario e económico; e segue captando novos investimentos para protexer os tecidos empresariais fronte ás incógnitas que estamos a afrontar e que imos afrontar”.

Deste xeito, apostou por seguir a senda que deixou Feijóo (moi presente no acto a pesar da súa ausencia física). “Este novo Goberno terá o equipo máis experimentado para afrontar os retos”, proclamou, seguro de que “o que funciona ben non debe tocarse, debe mellorarse e complementarse”. Ese complemento sería o recentemente chegado Diego Calvo.

Sobre os conselleiros, lembrou que todos eles contan con “unha traxectoria contrastada e de servizo público”, que nos deu “máis veces alegrías que desgustos”, e seguen “dispostos para Galicia”. Por iso, pediulles “que sigan entregando os mellores anos da súa vida profesional para servir a Galicia e aos galegos”, como un “E- Q-U-I- P-O, con todas as letras”. Anticipouse así ás controversias que poidan xurdir durante o seu Goberno, advertindo que se alguén quere declaracións “ altisonantes e contraditorias”, terá que “buscalas noutras administracións, aquí non as vai a atopar”.

Adicou tamén na súa intervención unhas palabras ao seu vicepresidente primeiro, Francisco Conde, ao que considerou “unha persoa imprescindible”, e tamén ao seu vicepresidente segundo, Diego Calvo, que dixo que conta con “a experiencia política e a capacidade de traballar ao dispor do Galicia para integrarse no Goberno e ser un máis”.

Ao resto do equipo, solicitoulles “seguir traballando como ata o de agora”, lembrando que veñen dun Goberno, o de Feijóo, “cun capitán que nos esixía moitísimas horas e dedicación para entender a Galicia e para facer as cousas ben”.