Os estudantes da ESO terán que sacar un cinco de media para pasar ao vindeiro curso

Galicia estenderá os ‘criterios de nota’ que o Goberno fixa para Bacherelato á Educación Secundaria Obligatoria // Rodríguez di que así garántese unha avaliación obxectiva para os alumnos
Educación
Redacción
reunión. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no encontro da Conferencia Sectorial de Educación. Foto: Gallego

A Xunta publicará unha orde que, ante o decreto do Goberno, facilitará o labor do profesorado para que poida levar a cabo as avaliacións do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) cuns criterios comúns, “con certezas” e “toda a seguridade xurídica”, tal como solicitan os equipos directivos dos centros educativos. Así, a norma autonómica estenderá os criterios de nota media que a lexislación estatal determina para Bacherelato, tendo o alumnado da etapa anterior que conseguir unha calificación promedio de cinco puntos ou máis para poder pasar ao vindeiro curso escolar.

Segundo expuxo este xoves ante a Conferencia Sectorial de Educación o conselleiro Román Rodríguez, a Xunta -logo de escoitar á comunidade educativa (anpas, sindicatos e directores)- vai establecer uns criterios de avaliación e promoción que aclaren as incertezas xeradas polo real decreto do Goberno do Estado, que dean certezas, que atendan a todas as casuísticas e que, sobre todo “garanta o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva” fronte ao “caos e improvisación” xerado desde o Ministerio.

CRITERIOS DA NOTA MEDIA. No que atinxe á promoción do alumnado de Secundaria Obrigatoria, o conselleiro avanzou que nesta normativa, a Xunta establecerá para a ESO os mesmos criterios de nota media que o Real Decreto do Estado fixa para a etapa de Bacharelato.

Isto é, que a nota media do expediente dun alumno ten que acadar unha puntuación igual ou superior a 5 para poder promocionar, como acontece cos estudantes de Bacharelato. Trátase, dixo Román Rodríguez, “dunha medida que lle confire seguridade e obxectividade aos equipos docentes” fronte á arbitrariedade que rexe na normativa estatal respecto á ESO, que se incorporará na nova orde de desenvolvemento xunto a outros criterios que se definirán na propia normativa.

avaliación final TRAS O REMATE DAS CLASES. Así mesmo, outro punto abordado foi a necesidade de adaptar o calendario escolar “como consecuencia da supresión dos exames de recuperación imposta polo Goberno central nunha decisión unilateral e tomada ás costas das comunidades autónomas”, indicou o conselleiro.

A este respecto, as avaliacións do terceiro trimestre mantéñense a principios de xuño e a actividade lectiva nas aulas en Galicia esténdese ata o día 21 de xuño, tal e como xa estaba configurado. A partir do 21 de xuño, unha vez rematadas as clases, os equipos docentes deberán reunirse para emitir a avaliación do conxunto do curso escolar cun informe individualizado por alumno tendo en conta os resultados e a traxectoria académica do conxunto do período lectivo.

O tempo que haberá entre a terceira avaliación e o remate de clases para a posterior avaliación final vaise empregar para apoio e reforzo para o conxunto do alumnado, de xeito que aquel que o precise adquira as competencias básicas mentres o resto segue avanzando no seu conxunto do mesmo modo, acadando así un mellor resultado.

Así pois, segundo explicou Román Rodríguez, “estamos ofrecendo unha solución ao caos xerado polo Goberno do Estado”, actuando “con responsabilidade” con decisións concretas e obxectivas que se centrarán en dar “seguridade xurídica” aos equipos docentes e garantindo “o dereito dos alumnos a unha avaliación obxectiva”, recalcou.

Ademais, a reordenación do calendario -con clases presenciais ata o día 21 e os informes de avaliación final tras esa data- non altera as datas lectivas xa coñecidas, polo que non terá consecuencias a efectos de conciliación para as familias galegas.

UNHA APOSTA “POLA CULTURA DO ESFORZO”. Por outra parte, cómpre sinalar que, segundo indica o último informe do Ministerio de Educación e Formación Profesional correspondente ao curso 2019-20, Galicia é a segunda comunidade autónoma (tras Cantabria) onde máis alumnado de 4º de ESO titula, cun 96% de estudantes fronte ao 93,1% da media estatal.

Un dato que, en palabras de Román Rodríguez, corrobora que “o actual modelo da Xunta de apostar pola cultura do esforzo está dando resultados moi destacados, e seguiremos traballando a prol dun sistema educativo que siga sendo referente de calidade, de equidade e de igualdade”. “Enmárcase, ademais, na liña fixada pola forte redución do fracaso escolar na última década e a mellora integral de resultados”, abondou.