Piden solución para os case 26.000 ourensáns do rural sen un banco

Neste momento, 26 concellos da provincia non teñen unha oficina sita no seu perímetro
PPdeG
ECG

Ourense. Os deputados populares pola provincia ourensana, Ana Vázquez e Celso Delgado, rexistraron no Congreso unha iniciativa parlamentaria dirixida a coñecer todas as accións que está a adoptar o Goberno para establecer solucións alternativas ás canles tradicionais, co obxectivo de garantir que a poboación no rural poida ter servizos bancarios, e eviten así a chamada “exclusión financeira”.

Os representantes populares recolleron as conclusións dun estudo do Banco de España sobre a “Infraestrutura do efectivo e a vulnerabilidade no acceso ao efectivo en España”. Un informe que sinala que na provincia de Ourense o número de puntos de acceso ao efectivo era de 418, o que supón un grao de concentración do 0,45 %. Isto significa que hai un total de 25.870 ourensáns sen puntos de acceso, o 8,4 % da poboación.

Neste senso, dos 92 concellos ourensáns, 26 carecen de oficina bancaria e teñen nome. Son Arnoia, Baltar, Beade, Os Blancos, A Bola, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Melón, Monterrei, Oímbra, Petín, Piñor, Porqueira, Pontedeva, Punxín, Rairiz de Veiga, Taboadela, Trasmiras, Verea e Vilar de Santos. Igualmente, existen outras pequenas localidades nas que se mantén unha oficina aberta, pero só algúns días á semana, como é o caso de Vilariño de Conso onde a veciñanza só dispón deste servizo os luns e os mércores.

O estudo do Banco de España analiza como afecta a distribución da infraestrutura de efectivo aos seus usuarios, afirmando que “unha maior redución e/ou concentración destas infraestruturas incrementa a brecha entre quen atopa dificultades para acceder ao diñeiro efectivo e quen ten fácil acceso a el”.

O uso de diñeiro en efectivo segue sendo importante para moitos cidadáns, engade o informe, “en particular para aqueles que teñen dificultades no acceso a determinados servizos financeiros convencionais ou escasos coñecementos dixitais”. Ademais, sinálase como esencial “asegurar que os cidadáns que desexen usar este medio de pago teñan acceso a el, xa que o grao de acceso físico a servizos financeiros básicos, así como a medios de pago como o efectivo, determina en parte o nivel de inclusión financeira da poboación”. ecg