Pontón remarcou a necesidade de devolver Ourense á veciñanza

O BNG culpabiliza ao PPdeG e a Feijóo de permitir “un goberno letal para a cidade”
Política
Redacción ECG

Santiago. No transcurso dun almorzo informativo este sábado, acompañada do portavoz municipal, Luís Seara, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remarcou a necesidade de “devolver Ourense aos veciños e veciñas” e apelou “á sensatez política fronte á crispación”.

Tras presentar os novos órganos do BNG, renovados na XVII Asemblea, a portavoz nacionalista lembrou que Ourense ocupa un lugar relevante para a análise política e a consolidación da nova estrutura do BNG no que seguirá a fronte Luís Seara para poñer “a sensatez política fronte á crispación priorizando o diálogo e compromiso” con Ourense.

O BNG, dixo, ten un reto, “colocar aos veciños e veciñas por diante” para devolverlle Ourense á cidadanía e o orgullo de ser desta cidade porque dende a política, explicou, hai solucións para os seus problemas. “Ourense non é de ningún partido político”. É dos veciños e veciñas” aseverou.

Para a lideresa do BNG “o Partido Popular e Feixóo son o principal problema nesta cidade pola súa ambición e ansia de poder que a condena, non só á parálise senón a ir cara atrás”. Dende o BNG, afirman que non van a permitir que a terceira cidade de Galiza, o motor de toda a provincia, permaneza parado e neste momento hai que pensar que “Ourense en grande” para darlle unha alternativa á cidadanía.

Para o BNG, reiterou, “urxe poñer punto final á crispación no concello e abordar o debate das propostas e solucións de futuro”. Despois de seis anos, explicou a nacionalista, Ourense está “en sombra” e desta situación non só é responsable Democracia Ourensana, “o Partido popular e Feixóo, coa súa ambición, preferiu poñer en marcha un goberno letal para a cidade”.

Ourense, dixo Pontón, precisa de alternativas económicas, de proxectos e que a cidade aposte por un potencial ao servizo do desenvolvemento económico. “Hai que potenciar a zona histórica, o termalismo, os ríos, o medio ambiente e apostar polas infraestruturas da cidade con medidas para o ferrocarril. A cultura e o comercio son elementos de cohesión social e as administracións deben implicarse”, sentenciou.

Dende o BNG afirmou que seguirán adiante con este proxecto e que traballarán man a man con todos os sectores. “Urxe sacar a Ourense do pozo negro no que está polas políticas de dereitas”, e a terceira cidade de Galiza non pode seguir “á deriva”, reiterou Pontón.

nos próximos meses presentarán a folla de ruta Pola súa parte, o portavoz municipal, Luís Seara, tras lembrar que o BNG concluíu o proceso de renovación a nivel local e comarcal incidiu, ao igual que fixera a portavoz nacional, na necesidade de “poñer fin a longa noite de pedra á que Democracia Ourensana converteu Ourense”.

Hoxe, dixo, comeza a conta atrás e queremos transmitir á veciñanza que cada día é un menos para rematar “cun goberno que ten data de caducidade”. “Queremos rematar co pesimismo e a resignación e revertela na alternativa que Ourense necesita”, mencionou. Neste sentido, anunciou novas propostas e interlocución social. Baixo o lema ‘Máis Ourense’ presentaremos a súa folla de ruta para os vindeiros meses porque queremos un “Ourense en positivo e referencia en Galiza”. Deste xeito, dende o BNG consideran que Ourense debe liderar o impulso económico da provincia. ECG