Rodríguez asegura que ‘Educonvives 2025’ é unha prioridade de país

A estratexia da carteira de Educación foi avaliada polo Consello Galego de Convivencia
E.N.
Educación. O conselleiro de Cultura e Educación onte na presentación da estratexia. Foto: Gallego

Santiago. Logo da súa aprobación no Consello da Xunta, o Consello Galego de Convivencia avaliou onte a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, Educonvives 2025, enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e que presta especial atención ao benestar emocional e á saúde mental.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que foi o encargado de presentar as liñas básicas do documento búscase “dotar a todos os axentes do sistema educativo, tanto alumnado como profesorado e familias, dos mecanismos precisos para atallar calquera cuestión que poida alterar a convivencia nos centros ou o benestar do alumnado”. Insistiu, asemade, en que esta estratexia é “unha prioridade de país” porque “mentres haxa un só alumno con algunha problemática, desde a Administración educativa debemos ser quen de dar formación e respostas áxiles e axeitadas”.

Entre os diversos ámbitos de actuación plantexados no documento, daráselle unha especial atención ao traballo por un bo uso das novas tecnoloxías, para o que se fomentarán as boas prácticas e un uso responsable das mesmas.

Outro piar fundamental da estratexia Educonvives 2025 será a saúde mental e o benestar emocional. Neste senso, crearanse comisións provinciais e autónomas de seguimento de benestar e convivencia nos centros, desenvorverase un Plan de benestar emocional e contarase cun Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, xa presentado. Neste eixo tamén se incluirá un protocolo básico de intervención contra o maltrato infantil.

Finalmente, a convivencia positiva será tamén unha das metas de Educonvives 2025, co obxectivo de mellorar o clima social nos centros. Para conseguilo, disporase de ferramentas como o Protocolo de apoio condutual positivo a Guía de prácticas restaurativas, con propostas innovadoras na resolución de conflitos e o impulso de accións de cooperación e intercambio de boas prácticas como a participación en proxectos europeos e internacionais, e o Premio de boas prácticas en convivencia ConVivimos. Tamén se impulsará unha formación avanzada arredor deste aspecto para o corpo docente , especialmente o de novo ingreso. E.N.