Saúde e emprego: prioridades do BNG para o inicio da lexislatura

O grupo parlamentario nacionalista mantivo onte a súa primeira xuntanza no hemiciclo
M. Triñanes
O grupo parlamentario do BNG na XI Lexislatura do Pazo do Hórreo onte na escalinata da fachada do hemiciclo. Foto: BNG

O Grupo Parlamentario do BNG na XI Lexislatura mantivo onte a súa primeira xuntanza na semana previa á constitución do hemiciclo o vindeiro 7 de agosto.

Pontón aproveitou a estrea para deixar clara a folla de ruta da formación no Parlamento: “traballar no importante: darlle solucións aos galegos e as galegas preocupadas pola crise sanitaria da covid-19 e pola crise económica, cun obxectivo moi claro, erguer Galiza no ámbito sanitario e no ámbito económico”. Un traballo “desde o rigor e desde o entusiasmo” nun momento de emerxencia no que, máis que nunca, “a política ten que estar á altura”, proclamou.

Así, os frentistas, que contarán cun grupo moi novo e maioritariamente feminino, puxeron sobre a mesa un plan de reforzo da atención primaria, –exhausta tras once anos de recortes do PP–, con máis recursos e con máis persoal, tendo en conta que debe xogar un papel clave na loita contra os rebrotes do coronavirus, unha atención primaria á que se lle adxudica tamén o papel de rastrexo na evolución da pandemia.

En relación a reactivación económica, Pontón considera vital que Galicia reciba a parte que lle corresponde do fondo europeo de rescate dotado con 140.000 millóns de euros, sen agravios, e para iso, man tendida para lograr un acordo de país. Unha recativación que debe iniciarse freando a destrución dos postos de traballo en ALCOA-San Cibrao cunha nacionalización na que interveña tanto o Goberno estatal como a Xunta.