Sufriu un lixeiro retroceso a actividade económica
de Galicia no mes de abril

O Indicador Abanca medrou un 1,8 % nun ano, dúas décimas menos que en marzo
El Correo Gallego
Varias persoas paseando pola rúa do Franco, o pasado mes de xaneiro en Santiago. Foto: Antonio Hernández

Ourense. O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia amosou no mes de abril un incremento interanual do +1,8 %; dúas décimas menos que o correspondente ao mes de marzo. Este crecemento confirma a desaceleración do ritmo de recuperación da actividade económica na nosa Comunidade iniciado en novembro do ano pasado, cando se acadara unha taxa de crecemento da actividade económica do 4,1 % en termos inter-anuais.

O dato de abril supón máis de dous puntos de descenso (2,3 puntos) respecto ao nivel máximo acadado en outono de 2021. A súa orixe está nos atrancos motivados pola falla de subministros, a alza dos prezos nas materias primas e a crise enerxética que están a pasar factura ao conxunto da economía galega e a confianza dos consumidores.

Ao igual que en meses anteriores continua o salientable comportamento das variables referentes ao sector turístico (especialmente no que atinxe aos viaxeiros entrados) con crecementos interanuais superiores ao 100 % ás que cómpre engadir o transporte marítimo de mercadorías cun incremento interanual preto do 20 %. O Índice de produción industrial experimenta un retroceso de

case un 30 % en termos interanuais. redacción ecg