Un morto en Tomiño por intoxicación con monóxido de carbono

Trátase dun home que realizaba uns traballos nunha vivenda. No suceso tamén resultou afectada polo gas unha muller, que tivo que recibir atención sanitaria
Sucesos
El Correo Gallego
Na imaxe de arquivo, central do 112 Galicia. FOTO: XUNTA

Un home faleceu na tarde noite do pasado xoves ao resultar intoxicado por inhalar monóxido de carbono nunha vivenda situada no municipio pontevedrés de Tomiño, onde realizaba uns traballos acompañado dunha muller que tamén resultou afectada polo gas e tivo que recibir atención sanitaria.

Segundo informou á primeira hora deste venres o CIAE 112 Galicia, o suceso produciuse minutos despois das 21,00 horas nun domicilio do lugar do Hospital.

Após recibir a chamada de alerta dun veciño da zona que solicitaba axuda para dúas persoas que se atopaban inconscientes no interior do inmoble, os servizos de emerxencia desprazáronse ao lugar.

Ao entrar na casa, os bombeiros do Porriño localizaron aos dous afectados e comprobaron que o lugar presentaba unha alta concentración de monóxido de carbono que causou a morte ao home e afectou ao seu acompañante, unha muller que foi evacuada de urxencia a un centro hospitalario polos efectivos de Urxencias Sanitarias 061.

Segundo os primeiros indicios, as dúas vítimas atopábanse realizando uns traballos no interior da casa no momento do incidente.

SANTIAGO. EUROPA PRESS