Unha colisión entre dous vehículos deixa cinco persoas feridas en Cerdedo-Cotobade

Accidentes en Zas e Valga
Accidentes de tráfico
El Correo Gallego

SANTIAGO. EP. Unha colisión entre dous vehículos na estrada N-541, ao seu paso polo concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, acabou con cinco persoas feridas. Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 20,30 horas deste venres un particular poñíase en contacto coa central de emerxencias para comunicar un accidente no punto quilométrico 84, na coñecida como recta de Tenorio, con varios vehículos implicados. Así mesmo, nesa chamada alertábase de que un ocupante dun dos turismos sinistrados atopábase atrapado no seu interior. Con esta información, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deu aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros do Salnés e Pontevedra, ao GES da Estrada, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. Ao finalizar os seus labores no punto, os axentes de Tráfico confirmaron ao 112 Galicia que os servizos sanitarios tiveran que trasladar a cinco persoas ao centro hospitalario de referencia.

SAÍDA DE VÍA EN ZAS. Por outra banda, unha persona necesitou asistencia sanitaria despois de sufrir unha saída de vía no punto quilométrico 2 da estrada DP-9304, no concello de Zas. O 112 Galicia explicou que foron alertados do sinistro pouco antes das 23,30 horas da noite do venres. Nese momento, a central de emerxencias recibía unha chamada dun particular que informaba dunha saída de vía nese punto e solicitaba asistencia sanitaria para o único ocupante do turismo, que ademais se atopaba atrapado no interior. Con estes datos, os xestores do CIAE-112 Galicia trasladaron esta información aos profesionais sanitarios, aos Bombeiros de Santa Comba, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade que, xa no punto, confirmaron que a persona estaba no exterior do vehículo, polo que non foi necesario o uso de material de excarceración.

TURISMO ENVORCADO EN VALGA. Ademais, o 112 Galicia tamén informou dun accidente no concello pontevedrés de Valga despois de que un vehículo saísese da vía e terminase envorcado na estrada PO-548, ao seu paso pola parroquia de Cordeiro. Segundo a central de emerxencias, o condutor puido saír polos seus propios medios do interior do vehículo e dar aviso ao 112 do sucedido. Dese modo, os xestores do 112 Galicia informaron os Bombeiros do Salnés, a membros do GES de Padrón, aos axentes de Tráfico e tamén a voluntarios de Protección Civil de Valga. Finalmente, o condutor foi trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.