Unha profesora da UDC négase a correxir un exame en galego

redacciónSantiago

A Universidade da Coruña viuse onte obrigada a ter que pedir desculpas a un dos seus alumnos despois da polémica xerada ao trascender a negativa dunha profesora a correxir un exame que estaba en galego. Os feitos fixéronse públicos despois de que o estudante reproducise nun chío a resposta da docente respecto dun traballo que presentara en galego: “Finalmente paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me de”.

Ante esta situación, o alumno denunciou o caso co obxectivo de reivindicar que se cumpran os seus dereitos lingüísticos. “Acábame de chegar esta resposta dunha profesora da UDC por un enviar un traballo en galego, ano 2020 universidade pública galega”. No medio das numerosas reaccións ao seu chío, o estudante, que responde ao alias de usuario ‘@antonio_cendan’, indica que outra compañeira recibiu “a mesma mensaxe” desta profesora e avanza a tramitación dunha queixa polo ocorrido. “Esperamos que se tomen as medidas necesarias e esperamos unha desculpa, pero tendo sempre claro que cando se trata da defensa da lingua calar non é unha opción”, apuntou.

E a desculpa non tardou en chegar. A Universidade da Coruña dirixiuse directamente aos alumnos afectados a través do seu perfil oficial no Twitter. “Trasládovos a ti e á túa compañeira a desculpa da institución. É lamentable. Calar non é unha opción cando traballamos arreo por unha universidade pública, galega e feminista”, sinala a universidade na súa resposta.

Noutro chío, a UDC di que a resposta da profesora “é un manifestación persoal” que “non representa a postura oficial da UDC, que traballa arreo –engade– por unha universidade pública, galega e feminista”. A UDC engade finalmente que está tomando xa medidas para evitar situacións de discriminación e desprezo pola nosa lingua.