“Veñen tempos complicados e hai que estar cohesionados como nunca para afrontalos”

Mujeres líderes
Santi Riveiro
A responsable de Finanzas de CCOO-Industria, Leila Piñeiro, acadou catro prazas coa súa lista na comisión executiva do sindicato nacional, polas sete de Amelia Pérez

Amelia Pérez Álvarez (Moaña, 1970) ven de romper un teito de cristal non só nas Comisións Obreiras de Galicia, onde leva afiliada desde 1998, senón en todo o sindicalismo de clase galego. Traballadora do sector do comercio, delegada sindical en Zara na urbe olívica, foi primeiro secretaria de Organización da Unión Comarcal de CCOO de Vigo e os últimos oito anos a súa secretaria xeral, primeira muller en asumir esta responsabilidade e cargo que deixou en abril para encarar un novo reto: o de ser a primeira muller en liderar este e calquera outro sindicato en Galicia. A súa lista, refrendada polo 64 % dos sufraxios (97 a favor, 52 en branco e dous nulos), foi a única presentada á secretaría xeral despois de que Ramón Sarmiento renunciase a concurrir a un segundo mandato, e de que a responsable de Finanzas de CCOO-Industria, Leila Piñeiro, fixese o amago de competir con ela, para despois presentar unha lista para a executiva do sindicato. De novo, 97 votos para a proposta de Pérez outorgáronlle sete prazas, por catro para a lista rival. Falamos coa compañeira Meli, que insta a, pasado o XII Congreso, agora toca remar todos xuntos, porque o que lle espera á clase traballadora non será doado.

Antes de nada, noraboa. Como te sentes despois de que todo saise ben e acadases o teu obxectivo?

Gracias! Pois mira, síntome ilusionada, pero ao mesmo tempo é un reto e unha responsabilidade importante. Porque son a primeira secretaria xeral das Comisións Obreiras de Galicia, e como cando cheguei a Vigo fun a primeira secretaria xeral comarcal. Queiras que non, ir abrindo esos frentes, para as que somos feministas, fainos medrar un palmo.

En que notaremos o cambio, máis alá de que haxa unha muller e non un home, de que do cromosoma XY pasamos o XX?

Que conste que o XX, XY marca moito! Somos pioneiros en feminismo, a ver se aprenden o resto dos sindicatos. Pero no día a día veñen tempos complicados, temos moitos retos enriba da mesa, e a organización ten que estar máis cohesionada que nunca para afrontalos. Será a través do binomio da mobilización-negociación, as Comisións Obreiras non imos a renunciar a estar nas rúas. Está no noso ADN, é o mellor xeito de acadar obxectivos que son imprescindibles para a clase obreira galega.

E por que non se acadou unha lista de integración á executiva?

Son lances dos procesos congresuais. Hai posturas lícitas e lexítimas. Desde que eu levo na organización a poucos congresos fun que non houbera candidatura alternativa. Está na propia idiosincrasia das Comisións Obreiras o debate interno, é algo normal. Pero unha vez pechado, tócanos a todos e a todas remar xuntos e, a partir do luns, poñernos a traballar.

O de que te impuxeras ti como alternativa supoño que non foi un proceso dun día para outro...

Non, e o que non fixemos é buscar unha persoa que a liderase e logo facer o proxecto. Foi o revés. Houbo un grupo de organizacións que empezaron a falar e cando o definiron entenderon que eu era a axeitada para encabezar a candidatura. E cando estás nunha organización asumes que as veces tocache dar un paso adiante e xa está.

Con qué prioridades partides para traballar a partir do luns?

O primeiro é tomar terra. Eu viña dunha unión comarcal grande, como era a de Vigo, pero evidentemente non é o sindicato nacional. Teño que facerme unha composición de lugar. A nivel sindical, as liñas están marcadas, levamos desde febreiro pedindo a derogación da reforma laboral, da das pensións, ou o incremento do salario mínimo. Aí estamos e aí seguiremos. E despois os conflictos que hai no día a día, cos EREs na banca, a crise no téxtil, na hostelería, o proceso de desindustrialización na nosa comunidade... esa folla de ruta vai seguir sendo así.

É que estades á cabeza neses conflictos, da banca ás industrias...

Alcoa, Alu Ibérica, Gamesa, As Pontes, Vulcano... e moitas máis. Polos dereitos en todas elas, por tódolos sectores, seguiremos loitando.