Viaqua, comprometida cunha recuperación sostible e equitativa

Aposta por un modelo de servizo baseado nas alianzas locais e na colaboración público-privada para facer fronte aos retos globais do presente // No seu Informe de Desenvolvemento Sostible mostra os seus compromisos e accións para contribuír coa Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas
Medio Ambiente
Redacción

A Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados pola ONU en 2015 consolidáronse como unha folla de ruta común, na que as alianzas entre administracións, empresas e cidadanía son fundamentais para promover unha sociedade máis xusta, respectuosa co planeta e economicamente máis próspera. Foi durante e despois da emerxencia sanitaria pola COVID-19 cando se fixo máis evidente, aínda se cabe, a necesidade de seguir traballando para levar esas metas a cabo e, neste contexto, apostar por un modelo experto e innovador na xestión dun recurso tan prezado como a auga é clave para garantir a reconstrución verde e a cohesión territorial e social. (Ver aquí as accións de Viaqua en desenvolvemento sostible).

En Viaqua afirman que son moi conscientes de que desempeñan un papel fundamental para contribuír a alcanzar unha recuperación económica sostible e equitativa, sen deixar a ninguén atrás, especialmente nun contexto no que a crise sanitaria acentuou a situación de vulnerabilidade de moitas persoas.

Fronte ese escenario, Viaqua reforzou os compromisos do seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Sostible, Rewater Global Plan (2017-2021), aliñado cos ODS e baseado en dous grandes bloques: a sostibilidade ambiental e a sostibilidade social. Así, esta folla de ruta recolle a súa achega á loita contra o cambio climático, a preservación e acceso á auga, a transformación cara a economía circular, a protección da biodiversidade, a concienciación cidadá, a equidade e a saúde e os avances sociais en acceso á auga, así como a innovación e as alianzas como compromisos transversais.

Viaqua aborda os retos globais adoptando medidas e solucións específicas ás problemáticas de Galicia, desenvolvendo plans de acción para poder anticiparse e ofrecer unha resposta acorde aos desafíos actuais e futuros. Precisamente esa anticipación foi o trazo que caracterizou a resposta da empresa á crise da COVID-19 e permitiu que se adaptase aos novos escenarios dunha forma máis áxil e efectiva, asegurando en todo momento a subministración de auga á cidadanía con todas as garantías sanitarias e a saúde dos seus empregados e clientes.

No seu último Informe de Desenvolvemento Sostible, que está dispoñible na súa páxina web, Viaqua mostra as principais accións que levou a cabo durante o ano 2020 para contribuír ao cumprimento da Axenda 2030.