A Asociación Mulleres Rurais de Lestedo fixo a Ruta dos Pescadores

Tamén se reuniron un cento de veciños para desfrutar da Banda de Música de Agolada
Música
Claudina Estévez
Algúns dos participantes da Ruta dos Pescadores. Foto: C.B.

Boqueixón. A Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo vén de organizar unha saída pola Ruta dos Pescadores de Boqueixón. Unha iniciativa na que participaron vinte persoas da entidade, que contou coa colaboración do Concello na guía da excursión. O tempo acompañou e as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo puideron desfrutar deste tramo da Rede Natura 2000, un espazo natural protexido que percorre unha antiga ruta de pescadores, que lle dá nome.

Os vinte veciños e veciñas partiron de Ponte Ledesma, onde visitaron a Ponte Vella e as Ínsuas de Gres, para continuar pola senda de pescadores ata a parroquia de Donas. De aí continuaron polo roteiro do Río Grande, ata a capela de San Paio e a fervenza de Codeso.

Esta non foi a única actividade recente que acolleu o municipio. Tamén se veñen de dar cita na carballeira de Rodiño preto dun cento de veciños e veciñas para desfrutar da actuación da Banda Municipal de Música de Agolada. Un concerto incluído no programa O país das bandas, iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística na comunidade.

Boqueixón é un dos oitenta municipios que colaboran na realización deste programa, incluído na programación cultural do Xacobeo 21-22 e que forma parte do Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta. c.e.