A Aula da Natureza viaxa de Ames ata Corrubedo

Natureza
M. Manteiga
Parque natural de Corrubedo, situado no litoral atlántico do Concello de Ribeira. Foto: XG

Ames. A Aula da Natureza de Ames propón unha excursión ao Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, situado en Ribeira, o próximo sábado 28 maio. Alí realizarase unha ruta ornitolóxica, guiada por profesionais da ONG ambiental SEO/BirdLife, nunhas áreas húmidas de importancia internacional polo paso de aves que aniñan no ecosistema, iniciativa que chega despois do obradoiro para elaborar caixas niño nesta aula. Haberá servizo de autobús en Bertamiráns, dende o Pazo da Peregrina, con saída ás 10.00 e regreso ás 17.45 horas. Pola súa banda, dende a casa da cultura do Milladoiro a ida e a volta serán ás 10.15 e ás 17.30 h. Para anotarse hai que enviar a ficha de inscrición da web ao email auladanatureza@concellodeames.gal. Poderán observarse animais coma gaivotas, mergullóns, garzas, lavancos e corvos mariños, e durante a ruta ofreceranse prismáticos e telescopios para ver mellor as aves. M. Manteiga