A billeteira municipal ten novo deseño e descontos

Páxina web
M. Outeiro
A técnica de Cultura María Vázquez, pola esquerda, coa edil Natividade González e Brais Martínez na presentación das melloras na web da billeteira. Foto: CA

A Maía. Os máis de 2.000 usuarios rexistrados na Billeteira electrónica do Concello de Ames desfrutan xa dun novo deseño desta web (https://abilleteira.concellodeames.gal), que engade funcionalidades, como a posibilidade de comprar bonos culturais, ou a mellora na navegación neste sitio web.

A Billeteira mellora desta maneira tanto a súa accesibilidade, con máis facilidades para as persoas con discapacidade visual, como a súa adaptación ás plataformas móbiles, como tablets ou teléfonos. O redeseño presentouse no auditorio de Bertamiráns, coa intervención da concelleira de Cultura, Natividade González; a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, e Brais Martínez, da empresa Sdweb, encargada de desenvolver a Billeteira.

Ademais, por primeira vez pódese mercar alí un bono para ver os 12 espectáculos de teatro para adultos do primeiro semestre de 2022, ata o 4 de xaneiro e á metade de prezo. M. Outeiro