A casa do concello de Ames tinguirase de verde polo Día contra a meninxite

Enfermidades
Claudina Estévez
A casa do concello de Ames, de verde. Foto: C.A.

Ames. O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial contra a meninxite, que se celebra este mércores 5 de outubro, e iluminará a fachada da súa casa consistorial de verde no serán. A meninxite é unha enfermidade infecciosa, que se estima que afecta a unhas 12.000 persoas ao ano en España e a arredor de 2,5 millóns en todo o mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde. Calquera persoa pode contraer esta enfermidade, a primeira causa de morte por infección en nenos e adolescentes.

O Día Mundial contra a meninxite celebrouse por primeira vez no 2008, co fin de

concienciar sobre esta doenza como un problema de saúde pública mundial. Dende entón, esta xornada celébrase o 24 de abril, pero a partir deste 2022 o día cambia ao 5 de outubro, tras un acordo que tomaron entre a OMS e as diferentes asociacións a nivel mundial, que se suman á folla de ruta “Derrotar á meninxite para 2030”.

Neste senso, a OMS estableceu varios obxectivos para reducir o impacto desta enfermidade infecciosa nos próximos dez anos, entre os que se inclúen eliminar as epidemias de meninxite bacterianas; reducir os casos de meninxite bacteriana mediante vacinación nun 50 % e as defuncións nun 70 %. c.e.