A Estación Cultural de Vedra trae novos concertos, charlas e obradoiros

Cultura
Claudina Estévez
Imaxe da Feira de Artesanía na Nave da Estación. Foto: C.V.

Vedra. Continúa nas instalacións da antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla o proxecto A Estación Cultural, apoiado pola Xunta a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural no rural. Así, os días 21 e 22 deste mes, sábado e domingo respectivamente, os vedreses e vedresas teñen unha nova cita na Nave da Estación.

O vindeiro día 21 comezará ás 18.30 cunha exposición dos creadores de Vedra e ás 19.30 horas desenvolverase unha mesa de experiencias sobre creadores/as locais. Á noitiña, a partir das 20.30, será o turno dos concertos con Charanga BB+, OKeOK e Pauliña.

Xa o día 22 faranse obradoiros para os máis pequenos e haberá un streaming entre creadores de Vedra e da Sociedad Parroquial de Vedra en Bos Aires. Xa ás 18.00 horas proxectaranse as curtametraxes gañadoras das catro edicións do Lav. Mov. Asociación Senunpeso, e ás 18.30 poderá verse o documental O gran camiño.

Os obxectivos fundamentais deste proxecto na Nave da Estación son incrementar a actividade cultural no territorio e activar procesos culturais, tratando de afondar nos vínculos individuais e sociais do concello, así como reforzar e desenvolver as capacidades deste sector en Vedra como ferramenta de cambio, dinamización e transformación social, e promover a inclusión e a estimulación da participación cidadá activa.

A Nave é un espazo de referencia para os veciños e tamén para toda a comarca. C.E.