A Feira do Monte traerá 12 mostras de oficios o día 22

Medio Ambiente
M. Manteiga
Moure, esquerda, cos edís Lens, Márquez e Reboredo. Foto: CA

Ames. O Concello de Ames presentou a II Feira do Monte Tanto monte, monta tanto, que chegará o sábado 22 de outubro ata Trasmonte para recuperar os oficios ligados ao monte.

O programa comezará ás 11.30 horas coa apertura da feira. “Este ano os expositores duplicaron a súa resposta respecto do ano pasado, permitindo un evento de maiores dimensións”, sinalaba Patricia Reboreda, técnica responsable da Aula da Natureza, quen tamén detallou os diferentes atractivos do evento que contará “con doce mostras distintas, que recuperan vellas ocupacións do monte”, indicou.

Entre os expositores, destacan sectores como a cosmética, apicultura, cestería, cereais, medicina natural, o porco celta, aceites e cogomelos. Deste último produto ofrecerase unha importante mostra e unha charla de 17.00 a 18.00 horas a cargo de persoal da Asociación Estrada Micolóxica. Tamén se habilitará un estand sobre a horta ecolóxica da aldea modelo de Osmo. Ademais, ofrecerase un obradoiro cooperativo de 11.30 ás 19.00 horas, e durante toda a xornada os visitantes elaborarán unha gran folla que quedará en Ames como recordo. Xa entre as 13.30 e as 15.00 horas organizarase a presentación de Fisterra Bovine World con visita e showcooking. Á presentación acudiron tamén o edil de Medio Ambiente, o de Rural e a técnica de Turismo. M. Manteiga