A loita feminina chega co traballo documental de Margarita Ledo a Bertamiráns o 17

Vaise proxectar na casa da cultura o seu traballo ´Nación’, e incluirá un coloquio ca propia directora
Documental
M. Outeiro
Mulleres que figuran no cartel promocional do documental ‘Nación’ de Margarita Ledo. Foto: ML

A Maía. A concellaría de Cultura do Concello de Ames, con Natividade González á fronte, continúa coa súa aposta polo cinema galego programando Nación, de Margarita Ledo. A proxección terá lugar o vindeiro mércores 17 de novembro na casa da cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas, e o ciclo inclúe un encontro coa propia cineasta. Os convites gratuítos xa están dispoñibles na billeteira electrónica municipal (abilleteira.concellodeames.gal).

Nación é a nova proposta da consagrada directora e cineasta galega Margarita Ledo. Este documental aterra en Ames logo da súa presentación o pasado ano, na 18º edición do Festival de Sevilla.

O documental narra en noventa e dous minutos a historia das mulleres traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa, ao tempo que constrúe unha historia feminina de precariedade, de loita colectiva, de procura de dereitos e da autoestima: en definitiva, de facer “nación”. Margarita Ledo recolle nesta obra o moito que tardaron as mulleres en abrirse un oco no mundo laboral e, polo tanto, en ser independentes. Nación é unha defensa da muller pero, sobre todo, da muller obreira.

INTERVENCIÓN. A proxección será o mércores 17 de novembro, ás 20.30 horas, na casa da cultura de Bertamiráns. Antes do comezo da mesma, haberá un coloquio coa directora do filme, Margarita Ledo. Os convites gratuítos xa se poden reservar no sitio municipal especificado ao principio desta información.

Esta proxección forma parte da programación cultural do Concello de Ames para este último trimestre do 2021. O itinerario continúa coa representación de Bernarda, unha obra de teatro para adultos de Malasombra Producións, o venres 19 de novembro ás 20.30 horas, pero nesta volta na outra casa da cultura, a do Milladoiro. m. outeiro