A matrona do Milladoiro vai ensinar como autoexplorar os peitos

O Concello segue a loitar contra o cancro, agora no dispensario antigo da localidade
Cancer de mama
M. Outeiro
Instalacións do vello centro de saúde do Milladoiro, onde o xoves ensinarán como autoexplorar os peitos. Foto: Sol Elvira

A Maía. O Concello de Ames, a través da concellería de Benestar Social, envórcase co Día Mundial de loita contra o Cancro de Mama. E despois da sesión de zumba solidaria, e de que o consistorio se tinguira de rosa, o programa continúa este xoves cunha nova sesión para aprender a facer unha exploración mamaria, na sede do antigo centro de saúde do Milladoiro, ás 19.00 horas e con entrada libre até completar aforo. As inscricións recóllense por teléfono (649 450 264) ou por email (promociondasaude@concellodeames.gal).

Os obxectivos que o departamento de Sanidade busca con todas estas accións son os de concienciar á cidadanía da necesidade de actuar a prol da detención precoz da doenza, axudando a visibilizar o problema para que se siga investigando sobre os xeitos de curación. E a matrona do centro de saúde do Milladoiro será a encargada de ofrecer a clase de autoexploración mamaria, práctica que axuda á detección precoz da enfermidade.

A concelleira, Luísa Feijóo, quixo agradecer, tanto aos centros de saúde como ao deportivo BeOne a colaboración prestada: “Esta doenza cada vez ten máis repercusión nas mulleres, aínda que non podemos esquecer que tamén afecta a homes, e é sabido que a detección precoz da enfermidade é vital á hora de superala; afortunadamente hai un grande índice de supervivencia, porén segue sendo moi necesario continuar coa investigación e datas como esta axudan á visibilización da doenza”, apuntaba. M. Outeiro