Xosé Ramón Gayoso leu o Manifesto da Vaca e Xabier Díaz fizo bailar ós asistentes para rematar unha xornada chea de actividades // Servíronse cinco mil racións de empanada de tenreira e outras tantas de carne ó caldeiro TEXTO M. Boo

A Muuuita Festa de Santa Comba mesturou arte, xantar e música

Festa
M. Boo
Os membros da Orde Xalleira da Vaca recibiron un zoco feito no taller de Elena Ferro. Foto: C. S. C.

O idilio de Santa Comba co sector gandeiro é inquebrantable. É un deses matrimonios que se manteñen no tempo, desas parellas para toda a vida. E este domingo ben se demostrou nunha festa que ben puidera ser a voda da capital xalleira co mundo da vaca.

A denominada Muuuuita Festa comenzou ben cedo. Aínda non eran as dez da mañá e os compoñentes de Mutante Creativo xa estaban a traballar no enorme mural que vai adornar a partir de agora o lateral dunha fachada dun céntrico edificio co debuxo dunha vaca convertida en Deusa hindú.

E entre o rebumbio dos organizadores que tentaban que todo estivese no seu sitio tocoulle o turno a Aurelio Vázquez, o chef local de Casa Aurelio, quen nunha montaxe espectacular con dúas grandes pantallas ensinou o secreto para tratar no lume da brasa ou da prancha distintos cortes de carne de tenreira.

E xa logo chegou un dos pratos fortes da festa. O presentador do Luar, o incombustible Xosé Ramón Gayoso deu lectura a un manifesto a favor do mundo da vaca que foi respondido polos aplausos de centos de asistentes abri¡gados baixo a carpa instalada no campo da feira de Santa Comba.

A continuación nomearonse os primeiros membros da Orde Xalleira da Vaca. O propio Gayoso recibiu o diploma e o agasallo que distinguirá a tan selecto clube: un zoco de pel de vaca elaborado por Elena Ferro, gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2019 concedido polo Ministerio de Industria. E xunto con el incorporáronse ó clube os hostaleiros Aurelio Vázquez, Óscar de Toro e Manuel Costiña, a gandeira Lucinda Camafreita Pardiñas, o tratante José Víctor Capelo Currais, o carniceiro Manuel Capelo Freire O Rubio e a Cooperativa Xallas.

Ó tempo abriuse a carpa chamada GastroVacún donde desde as doce da mañá servíronse case cinco mil racións de empanada de tenreira con pementos e outras tantas de carne ó caldeiro. Os asistentes, que estaban ó tanto de todo o que sucedía grazas a que Radio Xallas emitiu un programa en directo durante todo o día, puideron tamén desfrutar das habilidades en vivo de sete artesáns e do espectáculo que ofrecía o stand da Frisoa Parade no que traballaba Cestola na Cachola pintando unha vaca a tamaño natural que despois está previsto que se instale nunha das aldeas de Santa Comba. E tamén probaron os batidos aportados por xentileza de Feiraco, que interactuou con xogos para os nenos.

O programa festeiro non se detivo en todo o día. As actividades sucedéronse unha detrás de outra. E así chegou o turno da agrupación folclórica local Axio Mouro, que reúne xente de todas as idades procedentes na súa maioría de Santa Comba, e que souberon facer desfrutar a todos os asistentes coas súas habilidades coa música do seu grupo de gaitas e as pandereteiras máis os bailes tradicionais da nosa terra.

E cando uns remataban o xantar e outros estaban dispostos a comezalo, o barista Óscar de Toro ofreceu unha clase maxistral para elaborar un café de pota perfecto, como ben comprobaron moitos dos presentes, que tiveron ocasión de probalo. O hostaleiro compostelán, vinculado á capital xalleira, ofreceu ademáis nocións no manexo da cafeteira italiana e a mezcla ideal con leite da fiirma galega Unicla.

Pouco despois foi o chef Manuel Costiña, que está ó frente do Retiro da Costiña, restaurante con unha Estrella Michelín e 2 Soles na Guía Repsol, quen explicou paso a paso como elabora o seu novo postre chamado Terra que asombra ós paladares máis exquisitos que pasan polo seu local.

E como quen non quere a cousa chegou a hora da música de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, que cumpriron coas expectativas e nunha carpa ateigada de xente fixeron bailar a máis de un ou alomenos axudaron a que fose imposible non mover os pés ó ritmo da melodía. Foi todo un espectáculo con dez músicos en escena para un directo moi poderoso que puxo o punto final a unha festa que promete edicións futuras aínda mellores.