A Proa continúa con obradoiros para ensinar o funcionamento dun coworking

Este xoves ensinarán a realizar unha proposta de valor adecuada para un proxecto de negocio
Obradoiros
C.A.

Ames. O espazo colaborativo A Proa organiza nos xoves deste mes de marzo a súa primeira serie de obradoiros e charlas presenciais baixo o nome Coworking days. A actividade inicial realizouse o pasado 3 de marzo, cun taller para coñecer o funcionamento dun coworking e resolver dúbidas. Estas actividades teñen continuidade este xoves, 10 de marzo, cun taller impartido por Juan Diego Pereiro Areán, para aprender a realizar unha proposta de valor adecuada para o teu negocio. O terceiro e último evento deste mes de marzo será o 24 de marzo e denomínase Lego serious play–Construíndo o teu modelo de negocio.

Deste xeito, durante este mes, os asistentes obterán información sobre a forma de traballo nun coworking, e recibirán consellos e ferramentas para iniciar e consolidar as súas propostas de emprendemento, proxectos ou empresas. Para as persoas que non poidan asistir, os talleres serán retransmitidos en directo e resubidas posteriormente ao perfil de Instagram do espazo A Proa.

A programación de eventos continúa este xoves, 10 de marzo, coa actividade denominada Axudándoche a definir a proposta de valor do teu proxecto ou idea. Acompañadas de Juan Diego Pereiro Areán, organizador e director de Trainers For The Future, fundador de WeKAb.com e do espazo de coworking WeKCo, as persoas asistentes poderán aprender o valor dos produtos ofertados polo seu proxecto ou empresa. Este taller desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas. c.a.