A rapazada amesá quere actividades, acabar cas adiccións e ver corpos diversos

Consello
M. Outeiro
Delegación amesá do consello sectorial da infancia. Foto: CA

A Maía. O Parlamento de Galicia acolleu a décima edición do foro infantil organizado coa colaboración de Unicef e, contemplado expresamente no Pacto Galego pola Infancia rubricado polos grupos que integran a Cámara autonómica. E polo consello amesán de participación infantil e adolescente, a súa voceira Xiana Pousa avogou por rematar co consumo de tabaco, alcol ou drogas; crear un espazo para que a mocidade sociabilice, amosar corpos diversos na publicidade; rematar cos malos modelos de comportamento nos medios; acceso a profesionais da psicoloxía ou apostar pola programación para os máis novos.

Neste foro tamén participaron nenos doutros consellos de Moeche, Teo, Viveiro, Moaña, Ponteareas, Tomiño, Redondela, Nigrán, Castrelo de Miño, Cabanas e Burela. Xunto coa representación amesá, acudiron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mailo técnico da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos. A saúde mental e a non discriminación da rapazada foi un dos aspectos abordados polos consellos de participación infantil e adolescente.

A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, foi a encargada de abrir o foro e congratulouse da celebración deste acto. Ademais, animou aos concellos galegos que aínda non o fixeron a constituír un Consello local de participación infantil e adolescente. De seguido, foi a quenda dos voceiros dos distintos consellos locais de participación. M. Outeiro