A Rula estuda xacementos bañeses e atopa arte rupestre prehistórica na Pena de Alde

Arqueología
M. Outeiro
Parte inferior da Pena de Alde, situada a catrocentos metros do lugar da Estivadiña, na Baña. Foto: Colectivo A Rula

Membros do colectivo A Rula achegáronse ata o Concello da Baña para estudar os nove xacementos arqueolóxicos locais recollidos no Plan Básico Autonómico, e que consideran que “teñen probabilidades” de incluir “arte rupestre prehistórica”.

Este é o caso, por exemplo, da Pena de Alde, situada a catrocentos metros ao oeste da Estivadiña, en Fiopáns. Foi catalogada en 1995 como “un grupo de afloracións graníticas sobre as que habería gravadas varias cazoletas de aproximadamente 1 cm de fondo e ó redor de 5 cm de diámetro”. E despois de visitala, a modo de conclusión, suliñan que “é esta unha sinxela pero interesante estación onde se evidencia a presenza de motivos gravados en dous momentos diferentes, uns motivos claramente elaborados en época histórica (cruces e alfabetiformes) e outros posiblemente prehistóricos como son as coviñas. A presenza dunha pequena combinación de círculos concéntricos moi erosionada no panel con motivos históricos fai máis plausible unha adscrición prehistórica para estes motivos xeométricos”, rematan.