A Valedora pide informes polos datos persoais de edís bañeses

Valedora do Pobo
M. Manteiga
Un momento do pleno bañés do 28 de xullo onde se denunciou que había datos de carácter persoal ó alcance de calquera. Foto: CDB

A Barcala. A Valedora do Poco acaba de informar ao grupo de Compromiso A Baña que admitiu o seu escrito de queixa (o cuarto presentado xa) despois de detectar que no portal de transparencia faltan datos, sobre todo dos edís do goberno local socialista, pero pola contra colgáronse outros de carácter persoal, como números de contas bancarias ou o DNI que, afortunadamente, xa foron retirados.

“En concreto, requerimos que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa, en particular sobre a comprobación das circunstancias enunciadas nela” e referidas “á causa da falta dos datos indicados; a publicación de datos persoais; sobre as medidas adoptadas ou previstas e sobre as demais circunstancias relevantes”, apunta a valedora, María Xosé Porteiro.

Os edís de Compromiso, do mesmo xeito, trasladan as verbas do propio rexedor na sesión plenaria, onde deixaba claro, tal como reflicte a gravación, que “non ten ningún problema” coa publicación dos seus datos. Ademais, informan que están a espera aínda da resolución doutra queixa por incumprimento dos acordos plenarios. m.m.