Abre o prazo para inscribirse no Setembro Lúdico

conciliación
Claudina Estévez
Imaxe dun cativo coas mans pintadas. Foto: Pexels

AMES. O programa de conciliación Setembro Lúdico volve co fin dos meses de verán de 2022 para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o evento serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns, e no Milladoiro, a EEI do Milladoiro e o CEP de Ventín. O programa terá lugar durante os días 1, 2, 5, 6 e 7 de setembro. O programa oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7.30 ou ás 9.00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán as 14.30 ou as 16.00 horas. As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da sede electrónica. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Neste caso deberá terse en conta que hai que pedir cita previa a través da sede electrónica. Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso. As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; cer-tificados de traballo e, de
ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar. De ser o caso, deberá presentarse un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. C.E.