Actividades virtuais de Apego para as familias amesás con anotación previa

Retransmitirán o xoves os contos que Caxoto tiña previstos na casa da cultura da maior urbe
Educación
M. Outeiro
Imaxe de arquivo dun contacontos a cargo de Caxoto como o que se vai retransmitir en Ames. Foto: CIM

Ames. A programación infantil amesá de Apego deste trimestre comeza de xeito virtual este xoves con Contos de medo que deixan durmir. A sesión, que estaba prevista para realizarse na casa da cultura do Milladoiro, poderase desfrutar dende calquera dispositivo con pantalla, e os interesados teñen ata o mércores 28 para anotarse (normalizacion@concellodeames).

Deste xeito, non haberá limitacións de aforo, pero é imprescindible a inscrición previa. Unha vez realizada, en calquera momento do vindeiro xoves 29 entre as 17.00 h e as 21.00 horas, as persoas inscritas poderán premer nunha ligazón e acceder a actividade. A boa nova será que todos os nenos a partir de 3 anos, sen limitacións poderán desfrutar dende as súas pantallas sen pensar nas distancias de Caxoto Contacontos, que ofrecerá recursos para que a rapazada aprenda a afrontar o medo, a rirse del, a sacarlle proveito e a transformalo nunha porta cara á fantasía.

O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos, e trátase dunha iniciativa cooperativo de varios concellos para apoiar o uso do galego nas familias e cativos. m. outeiro