Adían polas tormentas a Volta ao cole co comercio

Dinamización
M. Outeiro
O alcalde, terceiro esquerda, e a concellira de Promoción económica, cuarta, con técnicos e comerciantes na presentación da campaña. Foto: CDA

Ames. A concellaría de Promoción Económica vén de decidir que, por mor das predicións meteorolóxicas que dan choiva para o luns 5 e martes 6 de setembro, se adíen as xornadas de Volta ao cole co comercio para o venres 9 de setembro no Milladoiro e o martes 13 na capital.

Trátase dunha campaña para dinamizar o comercio e a hostalaría local no comezo do curso lectivo. A iniciativa ofrecerá actividades ás nenas e nenos de 3 a 11 anos, das 17.00 ás 19.00 horas, e á mocidade dos 12 aos 18, das 19.00 ás 21.00 horas. Haberá diferentes actividades lúdicas e sortearanse arredor de 160 premios valorados en máis de 2.000 euros. É unha iniciativa posta en marcha pola citada concellaría, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Desenvolveranse na zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Serán dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría dos dous principais núcleos de Ames, segundo a edil, para premiar aos estudantes polas restricións da pandemia e “seguir dinamizando as nosas rúas”, dándolle pulos ás compras no comercio local. M.O.